O último aserrador tradicional do Courel participará nunha demostración de serra de aire

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Urbano Arza cortando un tronco coa serra de aire nunha exhibición desta técnica tradicional celebrada anteriormente no Courel
Urbano Arza cortando un tronco coa serra de aire nunha exhibición desta técnica tradicional celebrada anteriormente no Courel CEDIDA

As exhibicións desta técnica recuperaranse o mes próximo en Ferreirós de Abaixo, onde comezaron hai 22 anos

20 abr 2024 . Actualizado a las 18:23 h.

No 2002, a asociación cultural Fonte do Milagro organizou por primeira vez no municipio de Folgoso do Courel unha demostración de manexo da serra de aire —ou serra portuguesa—, unha ferramenta empregada tradicionalmente para cortar de forma lonxitudinal os troncos de árbores e transformalos en táboas. Por entón aínda vivían varios serradores que coñecían esta antiga técnica. Unha nova demostración deste tipo celebrarase o próximo 18 de maio —a partir das 11.00 horas— na localidade de Ferreirós de Abaixo. Pero nesta ocasión xa non poderán participar aserradores tradicionais. «Case todos foron falecendo nestes anos», sinala Evaristo Méndez, presidente da asociación organizadora.

En outubro do 2022 morreu Luis Fernández Fernández —coñecido como Luis dos Poles—, o último da cuadrilla orixinal de aserradores que comezou a ofrecer estas exhibicións hai máis de dúas décadas. Neste grupo encontrábase tamén o pai de Evaristo Méndez, que faleceu no 2014. O único que queda actualmente é Urbano Arza —veciño de Folgoso, de 96 anos de idade— que participou noutras demostracións posteriores. «Agora xa está moi maior para serrar, pero se é posible, intentaremos que asista á exhibición que faremos en maio», apunta Méndez.

Transmisión da técnica

Aínda que xa non quedan aserradores tradicionais en activo no municipio, hai varios veciños que aprenderon deles esta técnica e que son capaces de recreala para as demostracións. O máis difícil, explica Méndez, consiste en marcar ben os troncos para que se poidan extraer as táboas de forma correcta. «Fomos collendo un pouco de idea grazas aos maiores e apuntei cousas que me explicou meu pai», engade. Luis Fernández Fernández foi un dos antigos aserradores que máis destacaron á hora de ensinar esta técnica aos que aínda a coñecen. «O traballo de marcado dos troncos hai que facelo con moito coidado porque se te equivocas, as táboas bótanse a perder», comenta.

Para utilizar a serra de aire, un instrumento de cerca de tres metros de lonxitude, os aserradores deben colocar os troncos sobre unha armazón de madeira denominada estada. A ferramenta é manexada entre dúas persoas. Un dos aserradores sitúase no chan e o outro mantense de pé sobre o tronco, a unha altura considerable. O traballo require forza física pero tamén moita habilidade e unha boa coordinación entre os dous aserradores. «Cando comezamos a organizar estas demostracións, meu pai dixo que serraría, pero que tiña que facelo con Manolo do Mato, porque era con quen mellor se entendía», comenta Méndez.

Ata o 2010, as demostracións de serra de aire organizáronse anualmente en Ferreirós de Abaixo. Despois deixaron de celebrarse, en grande parte pola idade avanzada dos aserradores que as ofrecían. De forma ocasional tamén se fixeron algunhas demostracións coincidindo coa Festa da Pisa da Castaña de Froxán. «Agora decidimos recuperalas e volver a Ferreirós de Abaixo, que é o sitio orixinal e o máis axeitado para estas actividades», di o presidente da asociación Fonte do Milagro.

Instalación permanente

Neste lugar, por outra parte, quedará instalada de forma permanente unha estada, coa fin de utilizala nas seguintes exhibicións e tamén para que sirva como testemuño desta tradición desaparecida. A asociación xa obtivo o permiso dos propietarios do terreo onde quedará instalada esta estrutura. «Tamén pensamos colocar no lugar un panel explicativo para que os visitantes poidan coñecer este antigo oficio», agrega.

A serra de aire utilizouse habitualmente no Courel ata mediados do século pasado, cando saían do municipio importantes cantidades de madeira —de castiñeiro, cerdeira, chopo e outras árbores— para a construción de vivendas. As táboas eran levadas en carros ata a estación de ferrocarril da Pobra do Brollón, desde onde se enviaban a diferentes destinos. O oficio foi despois decaendo ata desaparecer.

No 2006, coincidindo cunha destas destas demostracións, celebrouse un encontro entre antigos aserradores do Courel e da Fonsagrada, outro lugar onde houbo no pasado unha importante actividade madeireira e onde tamén se empregaba esta técnica artesanal. A asociación Fonte do Milagro enviou por este motivo unha fotografía ao museo etnográfico fonsagradino. «Pero polo que me contaron hai pouco, hoxe na Fonsagrada xa non queda vivo ningún dos vellos aserradores», conclúe Evaristo Méndez.