As montañas do blues e o jazz

La Voz MONFORTE / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Todos os concertos do Courel Son celébranse en espazos ao aire libre
Todos os concertos do Courel Son celébranse en espazos ao aire libre CEDIDA

O festival de verán do Courel trae a MBM, Martins Aneiros Band, Zalomon Grass e a Marcos Teira e Ton Risco

04 jul 2024 . Actualizado a las 12:50 h.

No Courel xa está listo o cartel do seu festival de jazz e blues, que se celebra con concertos en diferentes localizacións ao aire libre. O Courel Son celebra neste 2024 o seu quinto aniversario, cunha edición que consta de catro concertos, todos de entrada libre e cada un nunha aldea distinta do municipio de Folgoso do Courel. A organización corre a cargo, como sempre, da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel.

No cartel do quinto Courel Son, Jazz e Blues na Montaña figuran os grupos Martins Aneiros Band, MBM, Zalomon Grass e Marcos Teira e Ton Risco. O primeiro concerto será o 20 de xullo e o cuarto e último o 10 de agosto.

Este é o calendario completo, con datas e localizacións:

20 de xullo. Seceda do Courel, Concerto de Martins Aneiros Band. Con máis de vinte anos sobre os escenarios, o grupo de Víctor Aneiros e Paula Martins presenta este verán no Courel o seu disco Rain. Na súa música hai blues, funk, soul e tamén jazz.

 26 de xullo. Meiraos. Concerto de MBM. Baldo Martínez (contrabaixo), Antonio Bravo (guitarra) e Lucía Martínez (percusión), os integrantes desta formación, acumulan por separado premios diversos tanto en España como noutros países de Europa; e un amplo historial de concertos nos escenarios de referencia do jazz internacional. Tocarán xunto á igrexa de Meiraos.

 27 de xullo. Esperante. Concerto de Zalomon Grass. Este grupo vigués toca blues con achegas de rock clásico e un pouco de jazz psicodélico, nunha mestura que eles denominan blues cósmico, como o título dunha das cancións máis coñecidas de Janis Joplin. Con eles, a aldea de Esperante estréase como escenario do Courel Son.

 10 de agosto. Parada do Courel. Concerto de Marcos Teira e Ton Riscoa-10 de agosto. Parada do Courel. Concerto de Marcos Teira e Ton Risco. Estes dous músicos pecharán o festival Courel Son 2024 coa súa mestura de jazz con flamenco e outros ritmos tradicionais. O guitarrista Marcos Teira e o intérprete de vibráfono Ton Risco son dúas das figuras novas máis importantes do jazz que se fai hoxe en Galicia.

 O concerto do día 10 de agosto será aproveitado ademais para presentar Os Eidos de Verán, unha convocatoria da fundación Uxío Novoneyura que os organizadores do Courel Son consideran un festival irmán do seu.

Ademais, os organizadores teñen preparado para os días posteirores aos concertos actividades gratuítas que sairán das catro aldeas elixidas este ano como escenario. Nestas actividades, a organización conta coa «colaboración dos axentes que traballan no e polo territorio», como a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Micolóxica Lucus, a Fundación Uxío Novoneyra e o Xeoparque Montañas do Courel.

Estes «catro concertazos nas airas do Courel», como os presentan os organizadores, teñen como obxectivo «dar vida a todos e cada un dos pobos deste noso territorio» e ademais demostrar que «sexa a paraxe que sexa, estas montañas dispoñen dos mellores escenarios naturais».