Homenaxe en Vilamor este sábado aos Padernes, o histórico grupo de verbena do Courel
23 ene 2025 . Actualizado a las 21:08 h.A localidade Vilamor —no municipio de Folgoso do Courel— celebrará este sábado as súas festas de San Vicente, que ademais do tradicional «baile dos toxos» comprenderá unha homenaxe á orquestra Os Padernes, a formación musical máis popular da serra durante o século XX. O festexo será organizado pola asociación sociocultural O Quintairo, de recente creación.
A homenaxe á orquestra Os Padernes comezará ás 18.30 horas e consistirá nun acto conmemorativo ao que asistirán familiares de varios antigos membros desta formación. Na actualidade están case todos eles falecidos. «O único que queda vivo era un que tocaba a batería, coñecido por Antoñín de Eiriz, e cremos que vive cerca de Santiago ou de Arzúa, pero non conseguimos localizalo», explica Manuel Vila, presidente da asociación organizadora. «Tampouco sabemos cales son os seus apelidos», engade. Ao mesmo tempo mostrarase unha colección de fotografías dos antigos membros desta formación musical.
A orquestra Os Padernes estivo en activo desde principios da década de 1910 ata 1984. Durante ese tempo animou todas as festas populares que se celebraban na serra do Courel e nos seus arredores. Ao longo da súa traxectoria contou con cerca de trinta músicos diferentes, pero o más habitual era que estivese formada por sete compoñentes. Os instrumentos máis empregados pola orquestra eran a trompeta, o clarinete, o saxo, o acordeón, o bombardino, o fiscornio, batería e a gaita. No 2014 foi inaugurado na localidade Paderne —de onde procedían a maioría dos membros das súas primeiras formación— un monólito na súa memoria. Por iniciativa do músico Xosé Lois Foxo, natural do municipio, ao mesmo tempo publicou un libro-disco que recollía unha selección de temas musicais interpretados pola orquestra e gravados durante unha festa celebrada na parroquia de Visuña en 1974.
A principal peculiaridade das festas de San Vicente de Vilamor é o baile dos toxos, que recrea a tradición local de bailar sobre un terreo cuberto destes arbustos cando coincidía con épocas de nevada. Manuel Vila sinala que este ano utilizaranse toxos recollidos na propia parroquia de Vilamor, o que non se puido facer os últimos anos, xa que os ncendios forestais do verán do 2022 queimaron a vexetación silvestre da zona. Os organizadores tiveron que recoller os toxos na aldea da Pendella, pertencente á parroquia de Folgoso. «Pero desde entón a vexetación xa se rexenerou e agora podemos usar toxos da nosa parroquia», explica Viña.
O programa completo
- O programa de actividades comezará ás 13.00 horas cunha misa na igrexa da parroquia.
- Á 14.00 horas haberá unha sesión vermú animada por un grupo local.
- As 14.00, o pregón do festexo será pronunciado pola intérprete musical e folclorista Leni Pérez, e unha hora despois comezará un concurso de “chia-lo eixe”.
- O baile dos toxos comezará ás 19.00 horas.
- Despois do baile dos toxos, ás 20.00 horas, haberá unha foliada libre e ás 21.00 horas comezará un concurso de «baile do farolillo», no que os participantes deberán bailar cunha vela acesa intentando que non se apague.
- Ás 23.00 horas ofrecerase unha degustación de arroz con leite e queimada.