Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un marzo pouco caudaloso

MONFORTE DE LEMOS

As precipitacións de finais do mes pasado tiveron escaso efecto sobre a auga encorada en Vilasouto

06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As abundantes precipitacións que caeron na comarca de Lemos no último tramo do pasado marzo tiveron unha repercusión limitada nos niveis de agua encorada na presa de Vilasouto. O pantano conta na actualidade con volume de once hectómetros cúbicos, o que supón o 52,38% da súa capacidade, segundo a medición máis recente. A cifra supón un leve aumento con respecto ao rexistro da semana pasada, que era dun hectómetro cúbico menos, e está considerablemente por debaixo da media de auga encorada nos últimos nove anos: quince hectómetros cúbicos, o que representa o 75,66% da súa capacidade. O encoro pode chegar a almacenar un máximo de 21 hectómetros cúbicos.

Os chuvascos que se produciron na zona de Monforte ao longo do pasado mes, por outra parte, mantíveronse dentro dos límites que viñan sendo normais nos últimos anos. O observatorio do instituto A Pinguela rexistrou un total de 46,2 litros por metro cadrado acumulados ao longo do mes. A cifra foi praticamente igual no observatorio do monte Marroxo, onde se rexistraron 46,8 litros. En conxunto, choveu algo máis que en marzo do 2007 (38,6 litros), pero bastante menos que no 2006 (91 litros). Nos dous anos anteriores, a cifra só superara lixeiramente os 40 litros.

Días chuviosos

De acordo cos datos recollidos no mencionado observatorio da Pinguela, as precipitacións máis copiosas producíronse o día 30, con 14,2 litros por metro cadrado. O segundo día máis chuvioso do mes foi o 22, con 8,6 litros, e coincidiu precisamente coa celebración da Feira Medieval de Monforte. Nos restantes días con chuvia, estas cifras oscilaron entre os 0,2 e os 4,4 litros. Ao longo do mes, por outra parte, houbo quince días nos que non se rexistrou a máis mínima precipitación.

As temperaturas, por outro lado, mantivéronse sempre por debaixo dos 25 graos durante o pasado mes. As máis elevadas rexistráronse o días 2 (24,2 graos), 14 (24,1 graos) e 29 (23,7 graos). As mínimas caeron en seis ocasións por debaixo dos cero graos. A temperatura máis baixa do mes, de seis graos baixo cero, rexistrouse o día 7 ás oito e media da mañá.