Pilar López: «Estudaremos prolongar a Feira Medieval»

f.a. monforte / la voz

MONFORTE DE LEMOS

López está a consultar aos artesáns e comerciantes sobre as próximas edicións

03 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A concelleira Pilar López está a valorar esta semana a opinión dos artesáns participantes na última Feira Medieval de Monforte e a dos comerciantes situados nas zonas onde se celebra o festexo.

-¿Que valoración lle merece a última edición da feira?

-A nosa impresión é que foi moi satisfactoria. Houbo moitos visitantes, unha participación moi elevada e os establecementos comerciais implicáronse máis que outras veces. A maioría dos artesáns participantes procedían de diferentes zonas de Galicia, pero tamén houbo unha representación importante doutras comunidades, como xa pasou en anos anteriores.

-Esta vez houbo poucos artesáns da zona.

-O que sucedeu foi que este ano mudaron as bases da convocatoria e había que cumprir máis requisitivos administrativos, como estar dado de alta como autónomo e no IAE, contar con seguro de responsabilidade civil... Algúns dos artesáns que viñeron outros anos á feira non cumprían todos os requisitos. Tamén houbo dous que si os cumprían, pero non puideron estar por motivos persoais.

-¿Habería que introducir algún cambio para os próximos anos?

-Estamos abertos a todas suxestións que fagan os participantes e os negocios máis directamente relacionados coa feria. Este ano, por exemplo, atendemos á petición que nos fixeron para ampliar ata a praza dos Chaos a decoración das rúas. Se nos suxiren outras melloras ou nos indican fallos que se poden corrixir, non hai ningún problema en facelo.

-¿É posible que a feira se celebre durante más dun día?

-Ese é un debate xa vello, pero aínda non está nada decidido sobre o que pode facer nas próximas edicións. Estes días estamos recollendo as opinións dos artesáns e dos comerciantes e preguntámoslle tamén se lles parecería ben celebrar dous días de feira en vez dun só, en vista de que a convocatoria segue tendo unha resposta moi boa por parte do público. Xa fixemos esa enquisa o ano pasado e o resultado quedou ao 50% entre os que estaban a favor e en contra. En función do que opinen esta vez, estudaremos a posibilidade de prolongar a feira para o ano próximo. E en tal caso, habería que ver tamén se é máis conveniente celebrala entre venres e sábado ou entre sábado e domingo. Os que o ano pasado estaban a favor de prolongar a feira, por certo, preferían na súa maioría que fose o venres e o sábado.

pilar lópez concelleira de cultura de monforte