Non son habituais as maiorías absolutas no Concello de Monforte e José Tomé (Guitiriz, 1958) sábeo ben. Todos ao seu redor insístenlle en que a ten gañada, pero el resístese a dalo por feito. Por se acaso, evita triunfalismos, pero tamén polémicas, e confía no efecto de anuncios como o de que o autobús urbano vai ser totalmente gratuíto para os viaxeiros ou de que nestes próximos catro anos construirá un novo viaduto ponte no Malecón para pechar ao tráfico a ponte vella.
-Pide maioría absoluta para gobernar sen ataduras. Que podería ter feito desde o 2015 e non fixo por estar en minoría?
-Por exemplo, algunhas infraestruturas que me gustaría ter empezado ou algunhas ordenanzas que é preciso reformar e nalgún caso facelas novas -que cheguei a levar borradores a a reunións de portavoces e non lles valía ningunha-. E poñer ao día o contrato de Aqualia, que tampouco valeu ningunha das posibilidades que lle ofrecemos á oposición a pesar de estaren avaladas por informes de técnicos universitarios solventes.
-Cando decidiu gobernar en minoría, sen coalición de goberno co BNG, esperaba que resultase máis difícil?
-A nosa primeira intención era facer un goberno de coalición, pero penso que o BNG se equivocou e fixo romper a corda. Iso dificultou moitísimo o labor de goberno, pero tamén pon en valor o que fixemos, só coas competencias directas da alcaldía. Do pleno municipal recibíamos o non por sistema. Querían que gobernásemos co seu programa.
-Refírese aos acordos plenarios que incumpriu.
-Eran propostas non vinculantes. Así e todo conseguimos sacar adiante presupostos. Fun a dúas mocións de confianza, non me importaba perder a alcaldía
-Dá a sensación de que non tivo demasiados problemas.
-Eu analizo moito as cousas antes de tomar una decisión, pero cando a tomo é firme. E lévoa ata as ultimas consecuencias. Cando tes esa convicción para sacar as cousas adiante acaban saínde,
-Acúsano de autoritario.
-Iso cae por si mesmo. Cando un non ten maioría absoluta é imposible ser autoritario. Se me chaman autoritario porque me querían obrigar a facer cousas que non podía facer, igual é que os autoritarios eran eles.
-Vai haber plan de urbanismo antes do 2023?
-É imposible. O Concello de Quiroga botou trece anos para facelo, e cun goberno con maioría absoluta. Monforte perdeu dúas grandes ocasións, no 2006, cando se meteu nun caixón o plan de Antonio de la Vega, e no 2013 cando por intereses particulares se retirou o que se estaba facendo. Agora co plan hidrológico publicado do 2016 vai ser bastante máis difícil facelo. En todo caso, neste mandato ímolo iniciar. E imos aprobar o plan especial, o primeiro plan de urbanismo que aprobará Monforte desde o ano 1979.
-Mantén silencio sobre as críticas do presidente da DO Ribeira Sacra a conta do Festival do Viño.
-Non contesto a ofensas pesoais nin a insultos. En todo caso, unha vez que falen as bodegas xa haberá tempo a analizar a situación.
-Hai catro anos falaba da creación de emprego como un dos seus obxectivos fundamentais. Neste campo o balance non pode ser optimista.
-Si, si. Depende da visión de cada un. Se un chega e atopa o porto seco sen depuración e pos os medios para que a haxa e se poidan instalar empresas, porque antes era mentira que se puidesen instalar. Se ti melloras iluminación, trama urbana e depuradora no polígono do Reboredo. Se ti lle das ás empresas que crean emprego neto unha axuda económica directa. Se adecúas as ordenanzas ao que acordaron Fegamp e Xunta para bonificar impostos a empresa que crean emprego. Todo isto é traballar polo emprego. E ademais son inumerables as xestións que levo feito con empresas, dentro e fora de Galicia. Xa chegará o momento de dicilo, pero hai un horizonte con expectativas positivas. Non quero dicir mais porque non quero armar polémica. Sobre algunha delas non ha tardar en saberse.