Na Feira Medieval da Pobra do Brollón será presentado hoxe un estudo novidoso sobre o pasado local
13 jul 2019 . Actualizado a las 18:26 h.Na sexta edición da Feira Medieval Guímara darase hoxe a coñecer un estudo que recupera aspectos descoñecidos da historia da Pobra do Brollón e das orixes do alcume tradicional que dá nome a este festexo. Despois do pregón que pronunciará a poeta Noa Moreira -ás 12.00 horas-, a escritora Olga Novo presentará os resultados dunha investigación que realizou coa axuda do arqueólogo e historiador Xurxo Ayán acerca da lenda popular que afirma que os veciños do municipio se rebelaron na Idade Media contra o conde de Lemos -que quería imporlles novos tributos- e sufriron por esta causa unha dura represión. De acordo con esa tradición, os habitantes da Pobra do Brollón foron coñecidos desde entón como guímaros, un termo que significaría rebelde, rudo ou obstinado.
Segundo este estudo, a tradición oral reflicte feitos históricos reais que quedaron consignados -entre outros lugares- nunha extensa colección de documentos conservados no arquivo da Real Chancillería de Valladolid. Olga Novo sinala que A Pobra do Brollón gozaba desde o século XIII duns privilexios reais concedidos baixo os reinados de Sancho IV e Fernando IV, e confirmados no século XV por Afonso IX e Xoán II. Estes privilexios colocaban o territorio baixo a xurisdicción directa da coroa e fóra do dominio dos condes de Lemos.
Conflitos reiterados
A pesar disto, os condes intentaron en numerosos ocasións facerse coa xurisdicción da Pobra do Brollón, o que levou aos veciños a recorrer á xustiza real. En 1494, a coroa emitiu un emprazamento contra o conde Rodrigo Osorio por esixir aos veciños diversos traballos ao seu servizo -como cortar e carretar madeira- sen recibir ningún salario. Entre 1537 e 1601 producíronse novos litixos por motivos similares. Olga Novo sinala que estes problemas se acentuaron cando os condes, no século XVI, iniciaron a construción do hoxe desaparecido convento de San Antonio de Monforte e esixiron aos veciños que proporcionasen gratuitamente madeira, pedra e area para as obras.
No arquivo da Real Chancillería de Valladolid, indica a escritora por outro lado, conservánse documentos relativos a tres litixios iniciados en 1524, 1531 e 1532 en nome dos veciños por un procurador chamado Lope de Ferreiros. Estes conflitos provocaron unha revolta veciñal que foi sofocada polas tropas da condesa Beatriz de Castro e do seu marido. Lope de Ferreiros foi acusado de instigar a sublevación e como castigo foille cortado un pé sen que mediase ningún xuízo. Os condes foron despois obrigados pola coroa a indemnizalo con 100.000 marabedís, aínda que ao principio pretenderon compensalo unicamente cun cabalo, dúas mulas e uns tapices.
«Miña avoa dicía que a nosa historia estaba escrita nun libro en Valladolid»
Olga Novo publicou esta semana un traballo sobre a historia dos guímaros na revista Luzes de Galiza, pero considera que o asunto merece unha obra máis extensa. «Xurxo Ayán e máis eu pensamos que habería que publicar un libro, que probablemente escribiremos entre os dous», di.
-Cando comezou a interesarse por esta historia?
-Desde moi nova. Cando era rapaza oínlle contar á miña avoa a lenda dos guímaros e ela dicía que toda esa historia estaba escrita nun libro que se encontraba en Valladolid. Era o mesmo que dicían outros veciños e é moi curioso que a memoria popular reflectise o feito de que os documentos sobre os conflitos entre os veciños e os condes de Lemos están realmente en Valladolid.
-Nesta investigación descubriu outros aspectos descoñecidos da historia local?
-Estudei ademais a lenda da fundación da Pobra do Brollón, que me contou tamén miña avoa. Segundo esta tradición, os habitantes da capital do municipio tiveron que mudala de lugar debido aos ataques dos mouros e a unha invasión de formigas. Hai lendas semellantes noutros lugares, pero é posible que esta narración popular garde a memoria dun traslado traumático que aconteceu realmente nun pasado remoto.
-Hai indicios históricos deste traslado?
-Hai certos datos que foron recollidos nun documento inédito interesantísimo que encontramos no arquivo persoal do historiador Manuel Murguía, o marido de Rosalía de Castro, que hoxe é custodiado pola Real Academia Galega. Este documento foi redactado en 1866 por un tal Gerardo Valcárcel, talvez un escribán veciño de Monforte que sospeito que procedía dunha familia fidalga da localidade de Castroncelos. Para redactar este escrito probablemente usou documentos da súa familia. Valcárcel di que a antiga Pobra estaba no lugar coñecido hoxe como Santalla, antes Santa Eulalia de Rei, e que foi queimada e destruída por motivos descoñecidos. Pode que ese suceso se enmarcase nas loitas pola sucesión ao trono de Castela na Idade Media.
Un antigo alcume que pode proceder do nome dun infante axustizado no século VIII
A referencia escrita máis antiga do nome «guímaro» que encontrou Olga Novo aparece na Historia del Apóstolo Santiago Zebedeo, patrón y capitán general de las Españas, publicada en 1601 polo cronista ourensán Mauro Luzón de Castellá Ferrer. O autor da obra afirma que ese nome era aplicado entón cun significado oprobioso aos veciños da Pobra do Brollón. «En toda Galizia no ay vocablo, que para dezir oprobio diga Guymaro, sino en aquella comarca», reza o texto orixinal do libro.
Aínda que o nome parece asociarse aos prolongados conflitos que mantiveron os veciños do municipio cos condes de Lemos entre os séculos XV e XVI, a súa orixe histórica pode ser moi anterior. En opinión de Olga Novo, é probable que o alcume se derivase do nome propio dun infante chamado Vímaro, fillo dos reis Afonso I e Ermesinda, que viviron no século VIII. Ao parecer, Vímaro conspirou con algúns nobres para arrebatar o trono ao seu irmán Fruela I e por esa razón morreu axustizado no ano 791. «Semella que a lembranza do infante rebelde fixou para sempre o vocábulo na memoria popular, sendo retomado séculos despois para nomear a nova revolta baixomedieval», apunta.