Paula Estévez, bióloga: «Pódese cobrar polos permisos por apañar setas en terreos privados»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Paula Estévez participará nas xornadas micolóxicas organizadas en Monforte pola asociación Os Lactouros
Paula Estévez participará nas xornadas micolóxicas organizadas en Monforte pola asociación Os Lactouros CEDIDA

As xornadas anuais da asociación Os Lactouros en Monforte comprenderán unha charla divulgativa sobre os coutos micolóxicos

04 nov 2022 . Actualizado a las 09:37 h.

Os coutos micolóxicos son unha figura de xestión forestal creada pola Xunta no 2014, pero a súa implantación é aínda moi limitada. Sobre eles falará a bióloga Paula Estévez Caride (Vigo, 1993) nas xornadas anuais de micoloxía que organiza en Monforte  a asociación Os Lactouros. Xunto con outros biólogos formados na Universidade de Vigo, Estévez creou a empresa MycoGalicia, que —entre outros servizos— ofrece asesoramento sobre recursos micolóxicos. A súa intervención será o día 26, ás 19.00 horas, no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

—En que consiste un couto micolóxico?

—Son terreos acoutados para a protección e o aproveitamento sostible dos recursos micolóxicos que poden pertencer a unha comunidade de montes ou a un propietario particular. Os concellos tamén poden decidir acoutar determinados espazos para a conservación medioambiental. Os coutos micolóxicos poden proporcionar un beneficio económico, pero tamén son importantes desde o punto de vista da conservación da biodiversidade e do medio ambiente.

—De que maneira poden beneficiarse os propietarios?

—Unha vez que están dados de alta no rexistro da Xunta, os coutos quedan protexidos legalmente e a recollida de cogomelos só se pode realizar dentro deles coa autorización dos propietarios. Os donos poden colocar letreiros que expliquen que no couto está prohibido apañar setas sen o seu permiso e indicar a forma de contactar con eles para solicitar autorización. Os propietarios poden aproveitar e comercializar os cogomelos eles mesmos ou ben cobrar polos permisos para apañar setas no couto. Ao adquirir eses permisos, os usuarios comprométense a seguir as prácticas adecuadas para recoller as setas sen causar un dano ambiental.

—Ata que punto poden axudar a loitar contra o furtivismo?

—É difícil impedir totalmente o furtivismo, pero ao crear e sinalizar un couto redúcese a posibilidade que se produza por inadvertencia. Da mesma maneira que non se permite entrar nun terreo privado a apañar mazás sen permiso do dono, hai que concienciar á xente de que hai que seguir o mesmo principio cando se trata de cogomelos.

—Cantos coutos micolóxicos hai actualmente en Galicia?

—Non o sabemos con certeza, porque a Xunta aínda non respondeu ás peticións que fixemos desde a nosa empresa para acceder ao rexistro, pero calculamos que en total pode haber vinte ou vinte e pico. Os que contan co noso asesoramento están nos concellos de Porto do Son e Cerdedo-Cotobade.

—E na provincia de Lugo?

—Posiblemente tamén os hai, pero non temos coñecemento de ningún en concreto, porque o acceso a esta información é aínda moi limitado. Por esta razón promovemos un proxecto denominado MyCouto, co obxecto de recoller e difundir datos sobre estes coutos.

—En que medida pode ser interesante crear espazos deste tipo no territorio lucense?

—Pode ser de moito interese nesta provincia, porque hai moitos terreos propicios para que medren os cogomelos, como son os bosques caducifolios. Nas provincias da Coruña e Pontevedra predominan máis os eucaliptais e os piñeirais, que son zonas de monocultivo nos que se reduce moitísimo a biodiversidade e polo tanto tamén a presenza das setas. Nos eucaliptais hai cogomelos, pero a cantidade e a variedade de especies é moito menor que nos bosques caducifolios. Os soutos, por exemplo, son moi interesantes neste sentido porque poden albergar moitas especies diferentes de cogomelos. Pero hai moitos espazos que poden ser aproveitados como coutos micolóxicos, como as zonas de pradarías, cunha xestión mínima por parte dos propietarios.

—Por que non son máis coñecidos os coutos micolóxicos?

—Xa hai oito anos que existen legalmente en Galicia, pero hai moita xente que non o sabe porque ata agora tiveron moi pouca difusión. É importante que se dean máis a coñecer, porque supoñen unha forma de diversificar a xestión forestal. Os montes non só serven para producir madeira e pódense dedicar tamén a outros usos, como a apicultura ou o aproveitamento dos recursos micolóxicos.