Xornadas Pacegas en Tor: mulleres que deixaron pegada na historia e no patrimonio da provincia de Lugo
MONFORTE DE LEMOS

A Deputación expón en Monforte as historias persoais de catro mulleres relacionadas co pazo de Tor, a fortaleza de San Paio de Narla e a torre de Caldaloba
01 mar 2023 . Actualizado a las 16:24 h.O museo do pazo de Tor será esta semana en Monforte a sede da terceira edición das Xornadas Pacegas, un certamen organizado pola vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística a modo de diálogo entre os museos, a universidade e as entidades sociais para divulgar o coñecemento académico. Esta terceira edición leva por títutlo “Conflitividade feminina, herdanza e patrimonio: Caldaloba, Narla e Tor”.
A progamación destas xornadas, que comezarán este xoves, 2 de marzo, e rematarán o sábado, toma como base as biografías de Catarina de Santiso, unha integrante na nobleza galega do século XVI asasinada polo seu home no castelo de San Paio de Narla, en Friol; María Paz Taboada, a última señora do pazo de Tor, que por desexo seu pasou a ser propiedade da Deputación logo da súa morte en 1998; e Constanza de Castro, que resistiu no castelo de Caldaloba, en Cospeito, o asedio dos Reis Católicos despois da execución do seu pai, o mariscal Pardo de Cela.
Nestas xornadas intervirán historiadores que abordarán a pegada documental e as fontes no estudo do papel das mulleres na Idade Media, persoal dos museos da Deputación de Lugo e representantes de colectivos culturais, que falarán da necesidade necesidade de incorporar o legado feminino á recuperación e posta en valor do patrimonio.
Quen estea interesado en asistir a este certamen tense que anotar no enderezo electrónico concertacionsrmpl@gmail.com. Haberá servizo de autobús desde Lugo para facilitar o acceso ao pazo.
Xornadas Pacegas 2023 no Pazo de Tor (Monforte)
Este é o programa completo destas terceiras Xornadas Pacegas:
Xoves, 2 de marzo
Conferencias:
- Dolores López da Asociación Carballo Vivo: Experiencia dunha muller activista na conservación recuperación e posta en valor do patrimonio.
- Alberte Ansede, presidente da Fundación e Casa-Museo Manuel María: “O papel da sociedade civil na recuperación do patrimonio: o caso de Caldaloba”.
- Antón Meilán García, catedrático emérito da Universidade de Oviedo, autor do libro Dona Constanza de Castro toma a Fortaleza de Vilaxoán: “Dona Beatriz e Constanza de Castro, as fillas rebeldes de Pardo de Cela”.
- Simón Vicente, auxiliar de sala da Rede Museística Provincial de Lugo: “Mulleres serpe, sereas e dragóns: os casos de Tor e Narla”.
Venres, 3 de marzo
- Mónica Fernández Armesto, doutora, profesora do Departamento de Historia da USC: "Galegas litigantes perante a xustiza senhorial no Antigo Réxime"
- Raquel Iglesias Estepa, doutora en Historia: “A conflitividade feminina nas fontes xudiciais do Antigo Rexime”.
- Tamara González López, doutora, profesora do Departamento de Historia da UDC: “Herdanzas, dotes e mandas: a loita das fidalgas polo patrimonio familiar (ss. XVIII-XIX)”
- Ana Sixto Barcia, doutora, profesora do Departamento de Historia da USC: "Condenadas ao esquecemento. Os conflitos en torno ás vocacións forzadas na Galicia de época moderna"
Sábado, 4 de marzo:
- Soterradas en liña: nesa debate sobre desigualdes de clase e de ciclos de vida.