«Indóciles», un espectáculo para celebrar o Día das Letras Galegas en Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

O espectáculo será interpretado pola narradora oral Vero Rilo, a recitadora Nuria Vil e a cantante Mónica de Nut
O espectáculo será interpretado pola narradora oral Vero Rilo, a recitadora Nuria Vil e a cantante Mónica de Nut CEDIDA

As artistas Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Rut interpretarán no edificio multiusos unha obra inspirada na escritora Luísa Villalta

07 may 2024 . Actualizado a las 12:40 h.

O auditorio do edificio multiusos de Monforte acollerá este venres —a partir das 20.15 horas— o espectáculo Indóciles, baseado na obra da escritora Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. A función corre a cargo da narradora oral Vero Rilo, a recitadora Nuria Vil e a cantante Mónica de Nut .

A entrada será gratuíta e a obra obra está dirixida a todos os púiblicos. O espectáculo forma parte do programa de dinamización lingüística FalaRedes —promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística— e das actividades organizadas polo Concello de Monforte para celebrar o Día das Letras Galegas.

Segundo os organizadores, Indóciles é un espectáculo que combina a poesía, a narración oral e a música para achegar ao público a obra de Luísa Villalta, «unha autora comprometida e versátil, cun legado literario provocador e rebelde». As artistas que o interepretan —engaden—, «cunha posta en escena sobria e contida, a sutileza dos movementos escénicos, a forza do discurso, da palabra e o son, constrúen un altar para lembrar e festexar ás vivas e ás mortas nunha eterna indocilidade».