Monforte acollerá este venres un Festival das Letras Galegas 

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

O grupo de música da asociación Amigos da Pandeireta actuará no Festival das Letras Galegas de Monforte
O grupo de música da asociación Amigos da Pandeireta actuará no Festival das Letras Galegas de Monforte ROI FERNANDEZ

En cinco concellos do sur da provincia prepáranse diversas actividades para celebrar o 17 de maio

16 may 2024 . Actualizado a las 16:45 h.

En cinco concellos do sur da provincia prepáranse diversas actividades para festexar o Día das Letras Galegas. Un deles é o de Monforte, que este venres —a partir das 12.00 horas— organizará un festival no auditorio da Casa de Cultura Lois Pereiro. O acto abrirase cunha intervención do alcalde José Tomé e a continuación actuarán o grupo da asociación cultural Amigos da Pandeireta e a Coral Polifónica do Concello de Monforte.

A asociación Amigos da Pandeireta interpretará as pezas Que dirán, As sachadeiras e o trastallo, A trullada da vendima, Xota de Mesía —todas elas populares— e a Foliada do Cabe, con letra e música de Xosé Luís Cofán Vidal. A Coral Polifónica do Concello de Monforte, dirixida por Fernando Sanmartino, estará acompañada ao piano por María Quiroga. Esta formación interpretará No niño novo do vento —de Álvaro Cunqueiro e Luís Emilio Batallán—, Cada noite —de Rosalía de Castro e Julio Domínguez—, Meu amor mariñeiro —con letra de Manuel Alegre e Luís Álvarez Pousa e música de Xosé Luís Rivas—, O rodaballo e Se chove, ambas populares. Por outro lado, a sala de exposicións da Casa de Cultura acolle desde este xoves unha exposición divulgativa sobre a escritora Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.

A continuación detállanse as actividades nos demais concellos do sur lucense:

Taboada. Ás 12.00 horas do venres inaugurarase un mural realizado con motivo do último Día da Muller nun acto que comprenderá tamén un recital de poemas e unha actuación da violinista Alba Conde. O auditorio do Cuartel Vello, por outra parte, acollerá ás 20.00 horas do sábado a representación da obra teatral Boa sorte, mala fama, da compañía Tarabela Creativa. A función será organizada en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación.

A Pobra do Brollón. A Casa de Cultura acollerá ás 12.30 horas do venres a presentación do libro O misterio do tulipán, de Yolanda Álvarez Castro, unha autora natural do municipio de Bóveda. O acto incluirá unha sesión de contacontos con actuación musical.que consistirá nunha sesión de contacontos e música. Por outra parte, ás 18.30 horas do sábado comezará na área recreativa de Samugueiros un Festival das Letras a cargo dos alumnos da escola municipal de música. Se as condicións meteorolóxicas non son favorables, o festival trasladarase á Casa de Cultura.

Quiroga. No auditorio municipal representarase ás 20.00 horas deste venres a obra teatral Boa sorte, mala fama, da compañía Tarabela Creativa.

Sober. Nas instalacións da adega Regina Viarum presentaranse este venres dous libros do escritor Anxo Muíños, A irmandade da bandeira branca e A linguaxe corsaria. Os dous títulos foron publicados pola editorial monfortina Peruchela. Anxo Muíños, natural de Rianxo, vive actualmente no municipio de Castro Caldelas. A presentación dos libros comezará ás 21.000 horas e seguidamente ofrecerase unha degustación de viños.