Esa marea que non podemos ignorar

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

MONFORTE DE LEMOS

Ángel Medina G. | EFE

21 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Difícil imaxinar a escena: uns pais que, á desesperada, deixan os fillos menores, ás veces con tres e catro aniños, nun caiuco para cruzar o mar dende algunha costa africana ata as illas Canarias ou calquera outro lugar no sur de España. Difícil imaxinar as nais despedíndose das criaturas, conscientes de que moi probablemente nunca máis volverán velas nin saber delas. Difícil imaxinar as escenas a bordo cando os adultos caen ao mar e as crianzas seguen soas á deriva, logo de ver desaparecer os pais no medio das ondas. Difícil imaxinar a pegada profunda que marcará para sempre as súas vidas, logo dunha experiencia así.

Mais están aí, amoreados nos pendellos de arribada, nos alboios portuarios, ás veces improvisados, porque non se dá feito coa marea de xente que chega. E non podemos mirar para outro lado. Imposible mirar para outro lado, por moita retórica egoísta que lle botemos. Ben sei que haberá quen diga que me repito, que o discurso das boas intencións non resolve nada. Pero están aí, repito. Seis mil nas illas Canarias. E sobre todo os pequenos. Que pensarán do mundo esas criaturas? O mundo que se desfai e que lles rouba a vida mesmo antes de vivila.

Seica xa hai algunhas cifras de acollida en Galicia. Case cincocentos que, segundo as informacións oficiais, se distribuirán entre Santiago, Becerreá, Monforte de Lemos, Ourense e Allariz. Arredor de corenta menores de idade. E hai algo a subliñar favorablemente: a idea de non amorear en galpóns aos que chegan, a política de repartilos e, na medida do posible, integralos na sociedade que os acolle. Ben sabemos que non é doado, que nalgúns casos mesmo vai ser difícil, por razóns de relixión, de cultura, de lingua… Integrar sen borrar a identidade, que forma parte esencial das persoas, o que require recursos, atención, programación, tempo e paciencia. Mais con resultados dos que poden dar conta moitos empresarios e profesionais que confiaron neles. A diversidade é unha característica dos tempos, mesmo un factor de riqueza se sabemos xestionalo. Para o que precisamos, repito, programas (non improvisación) e profesionais especializados.

Alégranme as primeiras declaracións das autoridades responsables da Xunta cando avogan por un tratamento o máis individualizado posible dos inmigrantes. Sen inxenuidades. A integración non é doada. Esixe comprensión e un plan estratéxico a longo prazo. Para incorporalos á vida, non para explotalos, tendencia demasiado común. E pensando que non todos van ser futbolistas, nin atletas olímpicos. Alégranme esas primeira disposicións tanto como indigna a liorta pataqueira entre administracións para o reparto de responsabilidades: esa incapacidade para construír políticas comúns (neste asunto e noutros asuntos) que nos ten a todos aburridos.