Un colexio de Monforte sostén unha emisora a través de internet
28 nov 2024 . Actualizado a las 19:14 h.Hai un colexio en Monforte que sostén desde hai 16 anos unha emisora de radio propia, sostida por estudantes e profesores, que entrevista a todo tipo de personaxes e que publica os seus programas en internet. É a Radio Torre de Lemos, unha experiencia didáctica orixinal que resiste con moi boa saúde. Este curso son 62 os alumnos do colexio Torre de Lemos que lle dedican á radio deste colexio unha parte do seu tempo libre.
A radio do Torre de Lemos iniciou a súa andadura no curso 2008-2009, en coincidencia co cambio de nome do que antes era o colexio Divina Pastora e a posta en marcha da fundación educativa que o xestiona desde aquela.
O obxectivo co que botou a andar a radio era familiarizar os estudantes no uso das novas tecnoloxías e introducilos no funcionamento básico dun medio de comunicación. Iso e estimular a súa creatividade, proporcionarlles novos espazos de socializción e darlles a oportunidade de coñecer personaxes públicos, mellorar as súas habilidades de redacción e que aprendan a falar en público e a improvisar.
Polos micrófonos de Radio Torre de Lemos pasaron todo tipo de persoeiros, e os que mellor recordo deixaron non son necesariamente os máis famosos. No grupo de locutores que forman Miguel Taboada, Salma Alami, Abril Fernández, Carlos Veiga e Sofía Graterol recordan con especial sorpresa a entrevista que lles deu Patricia, que é profesora nese colexio. «Chamáronnos a atención as cousas que contou sobre a súa vida», explican estes rapaces de 6º de ESO.
Tamén teñen éxito futbolistas como Jorge González ou Marcós Lavín, do Club Deportivo Lugo, que tamén pasaron recentemente por esta emisora. No seu historial figura incluso unha entrevista que fixeron hai uns anos ao daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na súa residencia oficial de Monte Pío, en Santiago.
Son tantos os escolares que se apuntan a esta actividade que é preciso organizar un sistema de turnos para que todos poidan pasar polo pequeno estudio que o centro ten preparado xunto á biblioteca.
Co traballo do coordinador do proxecto, o profesor Luis Conde, e as súas compañeiras Hilda Ruiz e Aldara Pozo, a radio conta coa colaboración de todo o persoal docente do centro e o respaldo da dirección do colexio.
A radio é unha actividade voluntaria e os que se animan a probar non acostuman a pasar nervios. Sara Gonzáñez, Sofía Díaz, Alba González, Martina Vázquez e Manuel Rodríguez, que forman outro dos grupos que conducen os programas, conta ao unísono que nada de nervios, que «se che gusta a radio, gústache».
E pode que pronto poidan probar tamén con outro tipo de medio. «En breve queremos iniciar o proxecto de televisión escolar, aproveitando entrevistas das que se fan para a radio», anuncian os profesores.
Grávase os xoves e pódese oír a través de internet
- Cando o fan. Os programas de Radio Torre de Lemos grávanse todos os xoves entre as tres e media e as cinco e media da tarde.
- Onde se pode oír. Os programas pódense oír no blog da Radio Torre de Lemos e en ECO FM Sober, a emisora municipal de radio de Sober