Pop de raíz contra a violencia machista

O INCIO

Alumnos dos colexios do Courel e O Incio participan nun vídeo musical coa cantante Lucía Pérez e o músico Xabier Vizcaíno

23 nov 2021 . Actualizado a las 19:04 h.

Alumnos dos colexios públicos do Incio e Folgoso do Courel participaron na gravación dun vídeo musical realizado para contribuír desde o ámbito rural á concienciación sobre a violencia sexista e a igualdade que foi presentado onte nos dous centros educativos. A peza audiovisual, que se difunde xa a través das redes sociais de ambos concellos, está baseada nunha canción inédita, titulada «Da mesma raíz» e composta polo músico Xabier Vizcaíno, irmán da cantante Lucía Pérez, que tamén participa no vídeo xunto co mestre Jesús Somoza.

O proxecto, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, ten o obxectivo de previr desde a infancia a violencia sexista e a desigualdade e tamén —segundo apuntaron os alcaldes dos dous concellos— o de «enxalzar o mundo rural e amosar todo o que ofrece, non só na defensa da igualdade, senón tamén a nivel turístico, cunhas imaxes espectaculares de ambos os municipios». Os alcaldes do Incio, Héctor Corujo, e O Courel, Lola Castro, foron onte aos colexios destes dous municipios a presenciar a estrea pública do vídeoclip, que se levou a cambio nos dous centros educativos de xeito simultáneo.

A gravación do vídeo levouse a cabo nunha xornada na que os alumnos dos dous colexios colaboraron en diferentes xogos participativos que teñen que ver coa igualdade e co rural. O título da canción, indican os responsables do proxecto, «ten que ver con que todos proceden da mesma orixe —lugar e social— e como tal deben ser tratados por igual».

O nome elixido para a canción, «Da mesma raíz», ten que ver, explican os portavoces destes dous concellos, «co feito de que todos proceden da mesma orixe e como tal deben ser tratados por igual». Esta peza audiovisual foi filmada entre O Incio e O Courel pola produtora Salitre Audiovisuais, e inclúe «paisaxes dos dous concellos mesturando a terra coa base do proxecto; a igualdade, a diversidade e o respecto cara a todas as persoas». Trátase, engaden os responsables do proxecto, «de visualizar para visibilizar, sexa o rural, a igualdade ou a diversidade».

Os dous concellos convidan a ver e compartir o videoclip para que chegue ao maior número posible de xente e poida así cumprir a súa función e seguir avanzando na igualdade e na erradicación da violencia de xénero.