«O que máis me satisfai é compartir o viño cos amigos»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo O SAVIÑAO / LA VOZ

O SAVIÑAO

Roi Fernández

O crego elabora e comercializa un viño propio xurdido das vides centenarias que ten no Saviñao

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ribeira Sacra amence cuberta e silenciosa mentres a chuvia cae timidamente sobre homes e mulleres ataviados con chuvasqueiros que desafían as empinadas ladeiras deitadas sobre o encoro de Belesar. Na parroquia de Rebordaos, en O Saviñao, atópase Lousedo, a viña na que Mario Vázquez, sacerdote, deán da catedral de Lugo e vicario da diócese, coñeceu o amor pola viticultura. Das súas cepas centenarias xorde a uva que dá vida a «Ora et Labora», o viño que o crego elabora e comercializa dende o 2008 e no que verte a súa paixón pola enoloxía.

«O amor pola viña venme do meu avó José. De pequeno correteaba entre as vides e colaboraba en todo con el. Gustábame moito. Cando xa estaba moi enfermiño, díxome: “Por favor, non deixes as viñas a monte”, e fíxenlle caso ao que me pediu», relata o sacerdote. Da infancia lembra aos cavadores traballando na viña, as comidas que pechaban as tarefas e como se trasfegaba o viño. «Levábase á casa en botas ao lombo porque non había accesos; entón, en vez de transportar a uva, que era máis pesada, transportabamos o viño en botas feitas co pelexo das cabras que se mataban. Cando se facía a vendima, xantábase cabra cocida», narra.

Aínda que nunca deixou de atender as vides e sempre logrou encaixalas co sacerdocio, foi hai dúas décadas cando, xunto coa súa nai, tomou o mando. Descubriu os chanzos que ascenden pola ladeira e que marcan a viticultura heroica, ordenou no posible as cepas, arranxou a preciosa adega que mira a Belesar dende o centro da viña e comezou a mimar as vides, nas que mencía, garnacha e godello, entre outras, se suceden. «Isto faise por cariño, por amor, porque o máis doado é abandonalas. Hoxe as viñas aquí non son rendibles para os pequenos produtores xa custa máis o traballo que o produto porque aquí non se pode facer nada mecanicamente». Pero nada iguala o valor engadido de descorchar unha botella de viño froito do propio esforzo.

Celebración da amizade

A vintena de homes e mulleres que se xuntaron para recoller o froito das bancadas de Lousedo traballan arreo e con bo ánimo. Todos, incluidos os tres cregos que cortan acios tesoira en man, son amigos de Mario. Esa é a outra parte da ecuación. O outro gran motivo para pelexar ano tras ano pola vide. «A vendima é unha reunión de amigos, é unha festa», conta o crego, «O importante é a vendima, e logo comer xuntos. A min o que máis me satisfai de todo isto é compartir o viño cos amigos e dicir que o elaboraches ti. É verdade que o pan con suor e o viño con suor saben mellor».

Nos días de verán Mario érguese ás seis e media da mañá e achégase ata algunha das dúas viñas que traballa. Fai as tarefas que corresponden á estación e logo pon rumbo ao seu despacho en Lugo.

-Encaixa ben o sacerdocio coa viticultura?

-Encaixa perfectamente. Xesús consagrou o viño, e o primeiro milagro que fixo foi nas vodas de Caná, nas que converteu a auga en viño. Hai unha longa historia do cristianismo e do xudaismo vencelladas ao coidado da vide. Na Biblia o viño aparece con moitísima frecuencia e incluso no Libro da Sabedoría xa constan normas sobre que non se debe beber en exceso.

Dúas veces ao ano o deán convida aos seus compañeiros de diócese a Pesqueiras, onde degustan o viño que elabora. «Convídoos o Mércores Santo, o día da misa crismal, e o día do noso patrón, San Xoán de Ávila. Logo, hai moitos compañeiros que me piden viño e incluso están aquí na vendima. Hoxe hai tres cregos», comenta sorrinte sobre a terra lixeira e mollada da súa vide.

«Eu aquí son moi feliz. Nunca veño só. Sempre con amigos de Lugo ou viticultores da zona». Porque o viño, a súa fabricación e mesmo a liturxia de gozalo, enténdese rodeado de xente.

«De pequeno corría entre as vides. Cando meu avó xa estaba enfermiño, díxome: “Por favor, non deixes as viñas a monte”»

«Viticultura e relixión encaixan ben. Hai unha longa historia do cristianismo e do xudaísmo vencelladas ao coidado da vide»