Desleixo do propio en Pantón

Rosa Ana Prieto VOCEIRA DO BNG DE PANTÓN

PANTÓN

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O concello de Pantón é a capital do románico rural esquecida polo actual goberno municipal que pensa que o feito de que as igrexas estean aí é reclamo suficiente para sermos marca cultural e turística.

En turismo traballamos baixo o xeodestino Ribeira Sacra con outros concellos, o que non impide a diferenciación dos produtos que se elaboren. Así temos por exemplo a Feira do Viño de Amandi, que non é de Sober nin da Ribeira Sacra strictu sensu mais que aceptamos como propia as xentes que agora somos da Ribeira Sacra, e ninguén pide nin obriga á desaparición da marca Amandi porque a historia tamén hai que respectala.

O mesmo acontece con todos os produtos turísticos, tamén cos deseñados polo Consorcio de Turismo que ano tras ano, e froito da imposición do poder dunhas alcaldías sobre outras, acaban por se posicionaren no círculo da oferta turística do xeodestino, e quen non fai valer os votos, non leva o investimento. Se xorde a protesta aparece o tan manido «equilibro territorial» que leva a uns a situárense no circuíto da oferta turística e a outros a ser testemuñas orgullosas de como prosperan outras zonas e non as propias.

Isto é o que acontece no concello de Pantón en xeral, e en particular coas barcas de paso. E a culpa, aclaro de xeito explícito, non é do consorcio de turismo, é da alcaldía de Pantón que rende acatamento a outras alcaldías e en troques de saír en defensa do territorio municipal a quen representa nese consorcio, e pedir algún paso de barca para o concello das tres ribeiras, ou solicitar unha ruta turístico fluvial que sería románica tamén, cala e defende con paixón o esquecemento das ribeiras que da man dos mosteiros románicos fixeron desta terra fartura agraria e intelectual. Legáronnos o saber de cultivar a vide, o patrimonio histórico artístico e o territorio no que as nosas xentes esculpen coas mans a paisaxe, que hoxe se postula a patrimonio da humanidade.

Somos as destinatarias dun legado inmenso que pode atopar no turismo e na cultura agraria e monumental unha oportunidade de tecer futuro. Fagan da ribeira vida e do románico marca, recuperen xornadas culturais e intelectuais. Contraten xente e abran as fins de semana as oficinas de información turística, sitúen estas en localizacións de entrada ao territorio, convoquen expertos na materia para divulgar coñecemento e implíquennos á poboación local para xerar esperanza e oportunidades no corazón do románico rural. A peor das sensacións é a desesperanza e a falta de vida no horizonte, e iso é, señorías do goberno municipal de Pantón, o que nos están legando.