As xornadas comprenderán obradoiros gratuítos, actividades para nenos e actuacións musicais
18 dic 2024 . Actualizado a las 19:03 h.A praza de España de Quiroga acollerá entre os próximos días 28 e 29 a primeira edición dunha feira de Nadal que o Concello organiza coa finalidade de promover o comercio local e incentivar o sector da artesanía. «A nosa idea é que esta feira teña continuidade nos próximos anos e que axude, por unha parte, a dinamizar o comercio local durante estas datas e por outra, a que haxa máis xente que se anime a abrir pequenas empresas de produtos artesanais», sinala o alcalde José Luis Rivera.
Durante estas xornadas o recinto da feira estará aberto de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 16.00 a 20.00 polas tardes. No espazo expositivo haberá un total de trece postos de venda das empresas Nadira —roupa, calzado e mercería—, Etna —roupa, calzado e complementos—, Xobel —roupa, bolsos e bixutería—, Libraría Celia —libros e xogos educativos e de mesa—, Adega EDV —viños e licores—, Aruba —cafés e doces—, Eryn —cremas e aceites—, Aramel (mel da serra do Courel), Silvia —filloas—, Caurelor —marmeladas, castañas ao vacío e mel—, Riomao Estudio Creativo —bixutería, decoración, chaveiros, colgantes—,Trapalladas Artesanía —bixutería en prata e coiro—, Armaior, dedicada á fabricación de utensilios de cociña e decoración en madeira de oliveira.
Actividades paralelas
Por outra parte, durante a feira haberá obradoiros gratuítos de técnicas artesanais dirixidos aos rapaces. Estas actividades —indican desde o Concello— «ademais de ofrecer un espazo de lecer poden atraer a este mundo futuros profesionais». Por un lado, o sábado 28 —de 17.00 a 19.00 horas— haberá un obradoiro de decoración de pintura en madeira para o Nadal, a cargo de Riomao Estudio Creativo. Por outra parte, o domingo 29 —de 11.00 a 13.00 horas—, a empresa Trapalladas Artesanía impartirá un obradoiro de elaboración de pulseiras de coiro personalizadas.
O programa comprenderá tamén unha visita do Apalpador, que o día 28 fará un percorrido musical polas rúas da localidade que rematará no recinto feiral, onde contará contos e historias para toda a familia. Será de 11.00 a 13.00 horas. O día 29 haberá ademais actuacións musicais a cargo da charanga tradicional Benofán, que se ofrecerán de 12.00 a 13.30 e de 16.30 a 18.00 horas.
A Feira de Nadal de Quiroga organizarase en colaboración coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel. A iniciativa está cofinanciada polo Centrad —Centro de Artesanía e Deseño— da Vicepresidencia da Deputación, que achega 5.000 euros.