Como cada 12 de agosto, e coincidindo coa feira mensual de Sober, a praza do Concello acolleu a decimoterceira edición da Feira da Rosca. Os asistentes atopáronse con tres postos de roscas e outros con produtos gastronómicos e artesanais da Ribeira Sacra e da Serra do Courel. Mentres uns presenciaban a actuación do grupo monfortino Lemavos, outros sostiñan unha pequena bandexa cunha rosca crúa. Estes últimos eran os pais que levaron os seus fillos á participar no obradoiro da rosca da peseta, onde os máis pequenos aprenderon a facer este tradicional produto, aínda que máis que instruírse no arte da elaboración da rosca aproveitaron para ensuciarse de fariña ata as orellas. As pezas elaboradas polos nenos foron levadas a un dos fornos da localidade e trala degustación da rosca con queixo foron repartidas entre os cativos.
Por alí andaba Benito Ribas (fundador da Feira da Rosca), en compañía de Eduardo Álvarez Pérez, natural de Sober e dono de Mel da Ribeira Sacra. «A feira mantense como os outros anos e as vendas veñen sendo as mesmas, porque aínda que hai crise, a xente valora e compra produtos de calidade», sinala Eduardo Álvarez. Pola súa banda, Olga Piñeiro Campos, de Rosqueiro de O Noguedo, comenta encaramada no mostrador do seu posto que xa vendeu todo antes das doce do mediodía, «Nn duraron unha hora», indica. Esta rosqueira, aínda que non se dedica profesionalmente a isto -xa que, segundo explica, «só cocemos para festas e para a feira da rosca e xeralmente de encarga»- xa leva máis de vinte anos elaborando roscas.
O momento álxido da feira tivo lugar á unha tarde, cando os asistentes esperaban impacientes a que 3.000 racións de rosca con queixo foran repartidas. Segundo apareceu a comitiva cos doces comezaron os primeiros comentarios e incluso algúns aplausos. Mentres as racións eran colocadas arredor da fonte da praza para despois ser repartidas, un señor comentáballe á súa muller: «Pilar, ten as dúas mans preparadas e agarra a bandexa con forza». No momento en que comezaron a repartir os anacos de rosca, os asistentes, case todos de avanzada idade, empezaron a estirarse o que podían e máis para alcanzar unha porción da bandexa.
«¿Podemos collerlle un par de trociños para os avós, que non poden estar aquí?», pedía unha señora. Algún ata se quedou coa bandexa. Sen dúbida os máis afortunados, e listos, foron os que primeiro chegaron, e que unha vez situados en primeira fila non había quen os movese do sitio, por se en posteriores rondas podían coller outro anaco. E máis dun tivo sorte.
«Mamá, xa se acabaron» berráballe Ismael, de sete anos, á súa nai mentres se dirixía a ela coa bandexa baleira. Ao tempo que ía buscar máis roscas un señor gritáballe: «chaval, ven pacá» e outro: «¿pero xa terminaches todo?». Nin cinco minutos duraron as 3.000 racións.