Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Dúas bandas de musica históricas actuarán en Sober e Pantón

SOBER

A Banda de Música Popular de Muimenta actuará este sábado en Sober
A Banda de Música Popular de Muimenta actuará este sábado en Sober miguel souto

As formacións, radicadas nos municipios de Lalín e A Estrada, ofrecerán concertos dentro do ciclo «O país das bandas»

19 ago 2021 . Actualizado a las 12:47 h.

As bandas de música de Muimenta -do municipio de Lalín- e A Estrada, que figuran entre as máis antigas de Galicia, actuarán esta fin de semana en Sober e Pantón dentro do ciclo de concertos «O país das bandas». A iniciativa é promovida pola Consellería de Cultura e a Federación Galega de Bandas de Música Populares dentro da programación cultural do Xacobeo 2021-2022.

En Sober, o concerto será ofrecido ás 19.30 horas do sábado na praza do Toural pola Banda de Música Popular de Muimenta, fundada en 1875 nesta parroquia do municipio de Lalín. A formación interpretará as pezas Andrés Contrabandista, Cantigas de Ourense, Portraits of Spain, Fantasía sobre tres temas galegos, Mar i Bel, Autumn leaves, Saludo a Lugo, Santa Comba e Muiñeira da Forxa.

O concerto de Pantón correrá a cargo da Banda de Música Municipal da Estrada e ofrecerase na praza do Concello de Ferreira ás 13.00 horas do domingo. A formación, creada en 1869, interpretará as pezas Bagaxes, Marcha Slava, La leyenda del beso, Charles Chaplin, Fantasía sobre tres temas galegos, La boda de Luis Alonso, A xota de Nicolás e Muiñeira de Neira Vilas.

O ciclo musical «O país das bandas» comezou a desenvolverse o pasado 1 de xullo e continuará ata o 19 de setembro. En todas estas actuacións participan más de 3.600 músicos pertencentes a 77 agrupacións. A Xunta financia este ciclo con 400.000 euros.