Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

No Facebook manda Sober: 12.000 seguidores

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Sober é un dos municipios máis coñecidos e visitados da Ribeira Sacra. Na imaxe, unhas turistas fanse unha foto nunha viña de Doade, co Canón do Sil ao fondo
Sober é un dos municipios máis coñecidos e visitados da Ribeira Sacra. Na imaxe, unhas turistas fanse unha foto nunha viña de Doade, co Canón do Sil ao fondo CARLOS CORTÉS

Este concello pequeno ten máis eco nesta rede social que ningún outro da Ribeira Sacra e é o terceiro de toda a provincia de Lugo

20 mar 2025 . Actualizado a las 19:33 h.

O Concello de Sober ten máis seguidores no Facebook que ningún outro dos municipios da Ribeira Sacra e no conxunto da provincia de Lugo só hai dous que o superen. Un é a capital da provincia e o outro Foz, un dos destinos de praia con máis tirón da costa lucense. Sober acaba de superar os 12.000 seguidores nesta redes social unha cifra moi por riba do habitual para concellos do seu tamaño. O seu alcalde cre que o éxito deste concello no Facebook e nas outras redes sociais ten que ver basicamente con que as súas contas «funcionan moi ben e son moi activas».

O Concello de Sober ten presenza oficial no Facebook e tamén en Instagram e en Twitter, a actual X. De todas formas, o seu sitio na primeira destas redes sociais é o que máis tempo leva activo e o que mái seguidores ten. Este concello publicaba onte na súa conta do Facebook a noticia de que acababa de superar os 12.000 seguidores. Sober é un dos municipios máis coñecidos da Ribeira Sacra, un territorio turístico e cada vez máis popular en Galicia e tamén fóra, pero ten pouco máis de 2.100 habitantes.

Non é nada habitual que unha localidade deste tamaño consiga esta cifra de seguidores. Por poñela en perspectiva, Monforte ten 11.000, pero a súa poboación case multiplica por dez a de Sober. Todos os demais están moi lonxe. O que ten máis só supera, e por pouco, a metade dos que ten Sober nestes momentos.

No conxunto da provincia lucense, a páxina oficial do Concello de Lugo ten 21.000, e a de Foz, con algo máis de 10.000 habitantes, supera a Sober só por uns centos de seguidores, porque non chega a 13.000.

Silvia Pena é a responsable de comunicación do Concello de Sober e desde ese posto xestiona a redes sociais municipais
Silvia Pena é a responsable de comunicación do Concello de Sober e desde ese posto xestiona a redes sociais municipais

«Moita xente vén a Sober polo que ve nas nosas redes sociais»

Como responsable de comunicación do Concello de Sober, Silvia Pena ten entre as súas funcións a xestión das redes sociais municipais.

 —Como se conseguen estes datos?

A clave está en ser moi activos e ofrecer información de utilidade e un contido moi variado. As redes do Concello de Sober actualízanse todos os días do ano e sabemos que moita xente vén ata aquí polo que lle chega a través delas.

—Que tipo de información se ofrece?

O Facebook tense convertido nun altofalante de todo o que o Concello de Sober ten para ofrecer. Contamos o que se fai desde o Goberno local, pero tamén todo o que fan as asociacións, as empresas, os adegueiros... Todo cando acontece en Sober tentamos que se saiba. Ese é o éxito, que todo o mundo ten cabida nas nosas publicacións. No caso do Instagram, intentamos que sexa o mellor escaparate do que temos para ofrecer a nivel turístico.

—Cales son os contidos que mellor funcionan?

A Feira do Viño ten sempre moitísima audiencia porque se retransmite case en directo. A maiores, as imaxes das nosas paisaxes sempre trunfan. O Canón do Sil, as viñas, as adegas...Aínda que a maior satisfacción é poder ofrecer un servizo público e ser de axuda aos veciños e veciñas, como se fixo na pandemia, informando de todo puntualmente. Tamén é unha ledicia estar aí cando a xente nos pide axuda, por exemplo atopando aos donos de cans desaparecidos, algo moi común ultimamente. Son publicacións que sempre se viralizan.

—Cales son os retos?

A intención é seguir creando «comunidade» e que as redes do Concello sigan medrando en seguidores e atraendo xente a Sober, pero sen esquecer esa vocación de servir aos veciños e veciñas coa que naceron.