O pregón da Festa do Caldo de Ósos de Taboada darano este ano Dani Moreiras e Iván Capón, dous dos creadores das parodias musicais de Páramo Pictures
14 feb 2017 . Actualizado a las 07:57 h.Dani Moreiras e Iván Capón serán este ano os pregoeiros da Festa do Caldo de Ósos de Taboada. Son dous dos artífices da produtora independente Páramo Pictures, creada para parodiar en clave rural e galega grandes éxitos do pop internacional.
O Concello de Taboada confirmou esta mañá a súa elección para dar o pregón da festa gastronómica da localidade, que nesta edición cumpre 26 anos e que se celebrará o 26 de febreiro, en coincidencia, como sempre, co Domingo de Entroido.
Dani Moreiras, da parroquia local de Taboada dos Freires, e Iván Capón, de Lugo, puxeron en marcha Páramo Pictures no ano 2013 xunto con Maria Portero, do Páramo. Dani Moreiras traballa como cantante de orquestra e os outros tamén o fixeron hai uns anos, pero agora Iván Capón é profesor de instituto e María Portero psicóloga. Nos seus vídeos, publicados en Youtube, reescriben en galego e en clave de humor cancións de artistas internacionais como Enrique Iglesias, Sia ou Miley Cyrus. Desde aquela publicaron oito parodias musicais e varios capítulos dunha webserie titulada Veciños. O seu maior éxito foi a Bertolina, a súa particular revisión de Adrenalina, de Ricky Martin, que desde a súa estrea en abril do 2014 leva xa 2.126.198 reproduccións en Youtube.