O mercado Petiscos de Nadal de Taboada chega á cuarta edición

TABOADA

Un aspecto dunha edición anterior do mercado Petiscos de Nadal
Un aspecto dunha edición anterior do mercado Petiscos de Nadal CARLOS CORTÉS

Catorce produtores locais e artesáns abrirán os seus postos este sábado na praza de Riazón, onde haberá tamén obradoiros e actuacións musicais 

20 dic 2024 . Actualizado a las 19:02 h.

 A praza de Riazón de Taboada acollerá este sábado a cuarta edición do mercado Petiscos de Nadal, dedicado aos produtos artesanais e de proximidade do municipio e da Ribeira Sacra. A organización corre a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta), que conta co apoio do Concello, da Deputación e da Xunta. Nesta ocasión participarán catorce expositores. O presidente de Acimta, Miguel Pavón, considera que despois das tres primeiras edicións a iniciativa xa está consolidada. «Como ocorre sempre que se pon en marcha algo novo, ao principio había algunha xente que se mostraba un pouco escéptica sobre os resultados que podíamos ter, pero durante este tempo viuse que o mercado pode axudar a visibilizar as actividades dos produtores e dos artesáns locais», sinala.

Nas sucesivas edicións de Petiscos de Nadal, di por outra parte Pavón, os organizadores preocupáronse por ir variando os diferentes produtos presentes no mercado. «Intentamos cambiar cada ano para que en cada edición haxa cousas diferentes e para que estean representados os diversos sectores produtivos dos concellos rurais aos que se quere dar visibilidade», apunta. Na edición deste ano —engade— «haberá postos de galletas, embutidos ecolóxicos, mel, pezas fabricada en madeira, coiro e xoguetes artesanais, entre outros produtos».

Ademais dos postos de venda, o mercado Petiscos de Nadal comprende unha serie de actividades para todas as idades. «Pretendemos que os visitantes coñezan diferentes produtos locais que lles poidan interesar, sobre todo nestas datas, e ao mesmo tempo que gocen dunha xornada animada», di. «Para este domingo, ademais, temos unhas boas previsións meteorolóxicas», agrega.

A continuación detállanse os horarios das actividades previstas para a nova edición de Petiscos de Nadal:

12.00 horas. Apertura do mercado e pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Rechouchíos, do municipio de Taboada.

 12.30-14.30 horas. Durante este tempo impartirase un obradoiro de elaboración de grilandas de Nadal. «Esta actividade pode interesar aos visitantes para ter ideas para decorar as súas casas, pero tamén aos comerciantes locais», indica Miguel Pavón.

16.30-17.30 horas. Actuación do mago Óscar Fernández, dirixida ao público infantil e familiar.

19.00 horas. O mercado pecharase cun concerto de Ailá, un grupo radicado en Santiago que se califica a si mesmo como «un dos representantes máis novos do tradi, un xénero que excede ao musical no que a danza e a música pasan a converterse nun xeito de entender a vida, un xeito de estar no mundo».