«Vou por aí e a xente cóntame a súa experiencia en Pardiñas»

LUGO

Entrevista | Alfonso Blanco Torrado O Festival de Pardiñas celébrase esta fin de semana. Cumpre 25 anos, un tempo que serviu para que se convertese nunha das principais actividades de Gutiriz e da comarca chairega.

06 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

. Esta fin se semana celébrase o Festival de Pardiñas, que cumpre 25 anos e que é unha das actividades polas que a asociación Xermolos acadou máis sona e prestixio; porén, como ocorre co devandito director, a dimensión do festival é a máis coñecida pero non a única. -Non, porque che gusta o que estás a facer. Pero tiven que adaptarme aos cambios de xeración, porque aínda que non o pareza, os hábitos da mocidade e da sociedade en xeral cambiaron moito. Cando comezamos, a xente estaba famenta de participar, de expresarse... Viña dunha longa noite de pedra... Había moito entusiasmo, moita ilusión... Os rapaces de hoxe, en cambio, teñen tanto bombardeo de publicidade que os están a converter en consumistas. -¿Como son os rapaces de hoxe se os comparamos cos de entón? -Non son mellores nin peores, son diferentes: cada xeración ten os seus trazos. Pero os cambios que houbo nestes 25 anos, e Internet é un exemplo, danche unhas posibilidades que te obrigan máis a decidir. Hoxe unha persoa nova ten que escoller en todos os ámbitos da vida. Chéganlle tantas ofertas que necesita ter unha formación moi forte para saber elixir. -¿Como debe ser o traballo hoxe? -En primeiro lugar hai que respectar a liberdade da xente. A xente, sobre todo os rapaces, quere que se respecten os seus gustos. Non hai que impoñer senón ofrecer. Por iso queremos camiñar con eles, non sendo superiores senón compañeiras e compañeiros que respectan a súa autonomía. Por outra banda, as cualidades que eles teñen son diferentes: teñen unha formación na música ou no deporte que nós non tiñamos. -¿Que é máis difícil, comezar ou seguir? -O difícil, claramente, é seguir. Cando comezas, tes todas as enerxías. Pero pasan os anos e ves que tes atrancos sempre: por exemplo, o problema económico do festval é moi grande. Entón pensas por qué fas as cousas. -¿Paga a pena, xa que logo, tanto esforzo? -Si. Vou por aí, a outros sitios de Galicia, e cando digo que son de Guitiriz, a xente cóntame a súa experiencia en Pardiñas. O festival é hoxe un espazo ilusionante. Hai, por exemplo, xente de Guitiriz que só vén aquí polo festival porque sabe que aquí vai atopar compañeiros da súa xeración. É un lugar de encontro, como aquelas romaxes de antes. Nese aspecto o festival é ilusionante, e por iso facemos ese esforzo.