NO OUTEIRO | O |
06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A MINISTRA de Cultura aterrou en Rozas. Facía corenta anos que ningunha carteira ministerial o facía. ¿Había intención? A bo seguro que si, como tamén a houbo no seu discurso. Carmen Calvo, diante do alcalde e outras autoridades, soubo referirse á terra na que se entregaron os Premios Nacionais de Literatura. Así, resaltou a importancia da lingua galega non só para nós, senón como parte da riqueza de España, nomeando a unha morea de escritores galegos. Algúns como Cela e un Torrente Ballester que na lingua de Cervantes soubo transmitir a esencia deste noso pobo. A ministra, quen falou do ingrato do oficio de escritor, referiuse igualmente a figuras como Castelao e Risco e aos contemporáneos Rivas e Suso de Toro. O presidente da Xunta, sen embargo, entre outros clásicos eloxiou o Merlín e familia de Cunqueiro, preferindo obviar aos que berraron Nunca Máis. O acto, ben é certo, puido ser máis lucido, pero iso non lle quitou unha migalla ao fermoso discurso do poeta Félix Grande, un agasallo de esperanza. Palabras que eran versos que inequivocamente ían na procura da luz, esa luz que como ningunha outra cousa só permite a poesía.