Lugo xa está na ruta lorquiana

La Voz

LUGO

PRADERO

A media voz Preto de duascentas persoas da cultura galega, da política e público en xeral participaron na homenaxe ao poeta granadino cun percorrido pola cidade

28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Dez lugares da cidade constituíron onte ao longo de toda a xornada outras tantas estacións dun vía crucis laico, literario e republicano co que foi conmemorado o 90 aniversario da primeira visita que fixo Federico García Lorca a Lugo, aínda que en realidade os sitios visitados corresponderon a acontecementos literarios que protagonizou anos máis tarde, con motivo doutra estadía. No 1916 chegou á cidade dentro dun itinerario por Galicia e por outras provincias, como premio aos cinco estudantes que acadaron o mellor expediente académico no segundo curso da Facultade de Filosofía e Letras granadina. Nesta ocasión, o organizador do recordatorio foi o Foro Pola Memoria Republicana de Galicia, coa colaboración do Concello, do Ateneo Republicano, do Pen Clube e da Fundación Rosalía de Castro, entre outras entidades e persoas. Segunda Ás dez e media da mañá, diante do Concello comezou o primeiro acto, coa escefinicación dun fragmento de Yerma a cargo do grupo Achádego, que foi presentado por Isabel Sánchez , que tamén presentou a Julián Rodríguez , un dos mestres de cerimonias da xornada. O seguinte escenario, que tampouco tivo que ver cos lugares que pisou Federico, foi no palco da Praza Maior, onde falaron o profesor Xesús Alonso Montero (para os lucenses de varias xeracións segue a ser o título principal), o delegado de Cultura, Xoán Xosé Molina , e o alcalde López Orozco . A partir de aí, con puntualidade británica, o percorrido continuou polo Campo Castelo, lugar onde Lorca escribiu o primeiro dos seis poemas galegos na tenda de gramolas que tiña o escritor Luís Manteiga e no que Darío Xohán Cabana presentou a Rábade Paredes , que leu Madrigal a la ciudad de Santiago , seguido da actuación musical do grupo do asturiano Rafa Lorenzo . Diante da estatua de Ánxel Fole, fixo a presentación Antón Grande e Julián Rodríguez leu a Oda a Pepe Benito , do autor lugués. Na Deputación Lorca deu unha conferencia en 1932 dedicada a María Blanchard, que onte foi lembrada alí por Carmen Blanco e por Paco Pestana , que lles dedicou un encendido texto. A seguinte visita foi fronte a casa de Quiroga Ballesteros na que viviu o catedrático Ramón Martínez López, onde o homenaxeado lera versos de Poeta en Nueva Yor k antes de que fose publicado o libro; presentou Manuel Peña Rey e leron poemas Julián Rodríguez e Manolo Rivas . A catedral e o seu entorno acapararon a atención do poeta no ano 32 e tamén dos participantes na homenaxe de onte, porque na praza de Pío XII foi descuberto un pequeno monumento e falaron Paco Martín ; o presidente do Ateneo Republicano de Galicia, Carlos Etcheverría ; Carlos Portomeñe , vogal do Foro e o alcalde López Orozco, que tamén descubriu a placa xunto con Alonso Montero. Trala actuación de A Quenlla, xa dentro da catedral, na que Lorca lera para o alcalde Francisco Lamas a Oda al Santísimo Sacramento del Altar , rememoraron a data o editor Manuel Bragado , que presentou á recitadora Laura Pérez Landeira . A comitiva literaria rematou a mañá no parque, cunha presentación de Xosé Luís Axeitos e con lectura de poemas ante o busto de Rosalía, poeta que figuraba no devocionario de García Lorca. Pola tarde, á hora taurina, houbo un recital diante do monumento recen descuberto, presentado por Luís González Tosar e ás seis e media comezou o acto central en Caixa Galicia, con versos, música, danza, glosas e alocucións políticas a cargo de numerosos persoeiros. ?erceira A homenaxe estivo inzada de anécdotas, descubrimentos de datos inéditos e de intervencións significativas e variadas. Alonso Montero dixo que a Oda al Santísimo probablemente tivo a súa orixe na vista á catedral lucense, dixo igualmente que con esta homenaxe Lugo paga a débeda que tiña con Lorca, débeda que tamén o mandatario recoñeceu, aínda que agora contraeuse a obriga de manter ese espírito lorquiano representado neste itinerario material e intelectual. Os escritores falaron sobre todo de aspectos relacionados coa literatura de Lorca e coa galega, que daquela estaba comezando, polo número de autores, que non pola calidade, segundo matizou Darío. Paco Martín contou como de mozo tivo que ler en Granada por casualidade un poema dun Lorca que daquela apenas coñecía, e Pestana escribiu e representou un pestainano texto antifunerario, no que non estaba previsto o son dun teléfono en plena escenificación.