Crónica | Dende Palas de Rei a Xapón A compañía palense puxo en escena dúas obras durante a súa estadía no país nipón, a onde acudiu invitada por unha antropóloga xaponesa que visitou varias veces A Ulloa
20 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.e Sedición son as dúas obras teatrais que a compañía Metátese Teatro, de Palas de Rei, representou en días pasados en Xapón. Seis membros desta agrupación permaneceron nese país do 29 de marzo ao 9 de abril, convidados pola antropóloga nipona Hiroko Takenaka. Esta especialista mantén certos vínculos coa comarca da Ulloa, que visitou en varias ocasións para estudar a relación desta comarca e o Camiño de Santiago, así como o traballo de varias asociacións, en concreto a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas, Os Lobos; Treina; Metátese Teatro e a Plataforma Social pola defensa do Alto Ulla. Os integrantes de Metátese Teatro actuaron en Tokio para alumnos de español da Universidade de Waseba, na que a antropóloga Hiroko Takenaka da clases de castelán. Ademais, durante a súa estadía en Xapón visitaron Nikko, onde existe un templo budista declarado Patrimonio da Humanidade; unha das máis grandes torrentes de Xapón e unha zona de balnearios con augas sulfuradas. Non foron estes os únicos lugares que visitaron os membros da compañía teatral de Palas de Rei, posto que tamén aproveitaron a súa viaxe para coñecer Yamanaguchi, nas ladeiras do monte Fuji , onde está un dos cinco lagos que o rodean. En Tokio presenciaron algunhas das máis fermosas estampas de Xapón, como as das miles de cerdeiras en flor dos moitos parques dunha cidade que, con máis de 15 millóns de habitantes, pasa por ser unha das máis grandes do mundo. Barrios como Ikeburuko, Shinjuku, Akitsu ou Kabukido; o xardín de Hama-Rikyu, con 25 hectáreas; o parque Ueno Onshi (Shinobazunoike), o primeiro fundado en Xapón e que alberga tamén un zoolóxico; o Museo de Belas Artes e de Historia Natural, templos e estanques foron outros dos lugares e paraxes que puideron admirar os visitantes palenses, que comprobaron como durante a festa da primavera milleiros de persoas comían e ceaban nos xardíns dos parques xaponeses.