Vinte actuacións de 14 grupos ao longo de dúas semanas

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

PAULA IGLESIAS

Crónica | Oitavas Xornadas de Artes Escénicas Os organizadores traballarán para a creación dun circuíto teatral con todos os grupos xurdidos nos colexios, co fin de que leven a súa actividade aos concellos lucenses e galegos

21 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Un total de 14 grupos, que ofrecerán 20 actuacións, participarán dende o 28 deste mes e ata o 13 de xuño na oitava edición das Xornadas de Artes Escénicas, que organizan a Concellería de Muller e Benestar Social, o Colexio Fingoi, a Escola de Arte e Lecer e Palimoco Teatro e que onte foron presentadas pola concelleira da citada área, Carmen Basadre; Asunción Fernández, directora do colexio Fingoi, e Paloma Lugilde, coordinadora desta mostra. Esta oitava edición das xornadas contará coa presenza de dúas formacións teatrais de dous institutos de Lugo, o Leiras Pulpeiro e o Lucus Augusti; outros dous institutos de fóra da capital, o de Guitiriz e o Laboral de Ourense; un colexio de Infantil e Primaria de Lugo, o Rosalía de Castro; outro centro de Infantil de fóra da provincia asociado cunha agrupación teatral infantil, o CPI de Touro e Metátese de Palas de Rei; o grupo da Biblioteca de Antas de Ulla; Muxicas Once Teatro, formado por invidentes de Ourense; a compañía teatral do centro social municipal Uxío Novoneyra de Lugo e os grupos de primeiro, segundo, terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria do Colexio Fingoi, ademais do grupo Upiasca, deste mesmo centro. As representacións teatrais completaranse coas actuacións de alumnos da Escola de canto do Conservatorio de música e da agrupación de danza da Escola de arte e lecer, ambos do Colexio Fingoi. Haberá ademais unha xornada de cine. Todas as actuacións terán lugar no Centro Social de Fingoi; serán gratuítas e abertas ao público en xeral. Estas xornadas de artes escénicas foron creadas para incentivar o teatro, a danza, a música e o cine nos centros educativos e agora que están asentadas desde a organización pretenden crear un circuíto teatral entre todos os grupos e poder amplialo ao resto de concellos da provincia e a toda Galicia. Por outra banda, ademais de impulsar o teatro, os organizadores destas xornadas foron introducindo outro tipo de especialidades artísticas, como o baile e as curtametraxes, que contan cos seus propios festivais.