A asociación Lugopatrimonio organizará varias actividades dedicadas ao tradicional festexo taboadés
02 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.CHANTADA | O patrimonio cultural inmaterial da comarca chantadina centrará as próximas actuacións da asociación Lugopatrimonio, que entre este mes e o próximo promoverá varias actividades dedicadas á festa da queima das fachas de Castelo, en Taboada.
O colectivo, presidido polo escritor monfortino Lois Diéguez, organizará o próximo día 26 unha excursión á parroquia de Castelo para participar xunto cos veciños na preparación dunha das fachas -antorchas de varios metros de altura elaboradas con arbustos denominados agucios- que se queimarán o 7 de setembro, na véspera da festa local de santa María.
Por outro lado, o 4 de setembro celebrarase nos locais da Biblioteca Provincial unha mesa redonda sobre os Rituais ígneos na cultura galega, na que se analizarán as características da festa taboadesa e doutras tradicións relacionadas co lume. Participarán neste acto, que aínda non ten fixado un horario, o etnógrafo lucense Xosé Manuel González Reboredo -autor de numerosos traballos sobre festas tradicionais galegas- e o arqueólogo e historiador Jaime Delgado Gómez, natural do municipio de Taboada. Finalmente, o 7 de setembro organizarase unha nova excursión a Taboada para participar no festexo. Para tomar parte na excursión do 26 é preciso anotarse ata o día 21 na páxina web da asociación ou nos teléfonos 676 ????800???? 227 ou 982?? ??225??? ?558. Para participar na do 7 de setembro, a data límite é o 4 do mesmo mes. En ambos casos, terán preferencia na inscrición os socios de Lugopatrimonio.
«Herdanza valiosísima»
Por outro lado, a asociación publicou na súa páxina de Internet unha colaboración de Jaime Delgado na que o festexo é cualificado como «herdanza valiosísima» e na que se apunta a posibilidade de que teña as súas orixes en costumes ou celebracións precristiás.
Desde que se fundou a asociación, os responsables de Lugopatrimonio reiteraron a súa intención de non limitarse ao estudo, divulgación e defensa do patrimonio artístico, arquitectónico e arqueolóxico e de dedicar tamén a súa atención á etnografía e ás tradicións populares. Na súa páxina web xa se publicaron traballos sobre a festa do Oso de Salcedo -na Pobra do Brollón- e sobre as tradicións relacionadas co entroido.