Oito grupos galegos de distintos estilos actuarán os vindeiros meses no ciclo Lubicán, de Lugo Cultural
17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.De agora en diante, o cuarto xoves de cada mes temos todos unha cita cuns cantos grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións que van actuar no marco do ciclo de concertos Lubicán, da programación de Lugo Cultural. Foron precisamente os representantes das cinco entidades que integran este programa os encargados de presentar onte estes concertos: Elías Torres, pola Vicerreitoría de Cultura da USC; Xoán Xosé Molina, pola delegación provincial de Cultura; Concepción Burgo, polo Concello de Lugo; Antonio Veiga, pola Deputación Provincial, e Sinesio Pérez, pola Fundación Caixa Galicia.
De detallar cada unha das actuacións, que van ter lugar ás nove da noite na Escola de Formación do Profesorado, ou ben, na Facultade de Veterinaria, encargouse a responsable da Área de Cultura do campus de Lugo, Paloma Lugilde. Así, o día 24 poderán disfrutar das cancións populares da Guerra Civil a cargo de Brigada Bravo&Díaz . Talabarte Trío , con Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García, actuarán o 28 de febreiro . Unha viaxe polas músicas populares de dentro e fóra de Galicia. A banda de rock El Pararrayos , liderada polo músico ourensán José Lameiras, ofrecerá o seu concerto o día 27 de marzo . O 24 de abril , a capital luguesa acollerá a presentación de Tótem , o novo traballo de Narf , que actuará con toda a súa banda ao completo. Antes do paréntese estival, o 22 de maio poderán disfrutar da fusión de flamenco e folk de Ú-lo Trío? , con Marcos Teira, Pepe Sendón e Xacobe Martínez.
Na segunda parte do ciclo, o 23 de outubro actuará a formación instrumental Mala Herba , co seu espectáculo de músicas do mundo. Un grupo lucense, Grex , presentará o seu primeiro traballo no concerto previsto para o 27 de novembro . O remate a este ciclo poñerao o dúo Alba Noctua , composto polos músicos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera, que actuará o 19 de decembro . Elías Torres destacou a estabilidade da programación de Lugo Cultural e definiu este novo ciclo como «un programa para facer de Lugo un lugar de oportunidades culturais».
Concertos da Filarmónica
Tres son os concertos programados para vindeiras datas pola Sociedad Filarmónica de Lugo. O máis próximo é o de Novalis Quartet de Munich , que interpretarán composicións de Mozart, Shostakovich e Beethoven o día 30 . En febreiro , concretamente o día 27 , actuará o Octeto Mithras , con pezas de Beethoven e Schubert. Por último, o 3 de marzo celebrarase un concerto de piano a cargo de Alberto Nosé , gañador do Concurso Internacional de Piano Paloma O'Shea, no 2005.