Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha trampa no Camiño

Natalia Díaz

LUGO

Varios peregrinos accidentáronse en agosto nun tramo da ruta xacobea da estrada que une Triacastela con Samos

21 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Estamos acostumados a escoitar falar de distintos puntos negros no Camiño de Santiago onde varios peregrinos perderon a vida ou resultaron feridos de gravidade tras ser atropelados. Isto é debido a que parte dos traxectos cruzan por estradas nacionais e locais, ao que hai que sumar un número insuficiente de pasos de peóns. Así o indica a persoa encargada da oficina de información ao peregrino en Samos, Mar Vázquez: «Os viaxeiros están expostos a moitos riscos, e nalgunhas ocasións é culpa das imprudencias dos vehículos pero noutras tamén os peregrinos son moi inconscientes, xa que cruzan pola estrada sen empregar os pasos de peóns ou se van en bicicletas van de tres en tres».

Pero tamén hai casos onde se producen incidentes sen que ninguén, nin tan sequera os propios peregrinos, os poidan evitar. Este é o caso dun punto localizado na estrada que une Samos e Triacastela, onde os camiñantes vense obrigados a circular polo andén. A calzada conta cun pavimento cun desnivel perfectamente perceptible, salvo nas horas centrais do día cando o sol fai acto de presenza. É nese momento cando o quitamedos fai sombra sobre o andén e o firme semella unha superficie lisa. Isto unido ao cansazo e a fatiga fan que os peregrinos se atopen cun tramo perigoso sen ser conscientes.

En agosto rexistráronse cinco camiñantes con torceduras no nocello e outros dous con feridas no corpo e coa nariz rota, todos eles tras caer neste mesmo punto. O pasado venres chegou á oficina de información de Samos unha peregrina estranxeira con feridas nun brazo e cun golpe na cabeza. Cando Mar lle preguntou onde caera, a peregrina explicoulle que preto de Triacastela, en fronte dunha fonte, ou o que é o mesmo, xusto no punto onde caeran os peregrinos anteriores. As caídas prodúcense cando os viaxeiros apoian os bastóns na calzada e perden o equilibrio. Nestes casos, o resultado da caída son varias feridas nas extremidades e na cara. Tamén se mancan cando apoian o pé no desnivel, producíndose así varios esguinces. O lugar máis próximo onde os camiñantes poden recibir atención é en Samos. Alí chegan e dende a oficina de información ao peregrino proporciónanlles o material para que poidan facerse as curas eles mesmos. «Moitas veces xa veñen eles preparados coas súas vendas e co material suficiente», indica Mar Vázquez.

Nos casos en que precisan atención sanitaria derívaos ao centro de saúde de Samos. Polas tardes, durante o verán, botan man dun quiromasaxista, xa que o centro está pechado.