«A xente non nota a crise no peto pois o polbo ten un prezo moi módico»

Beatriz Franco

LUGO

11 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Quedan aínda moitos días para degustar o polbo nas casetas de San Froilán. Unha ocasión fenomenal que serve non só para saciar o apetito cunha boa ración deste molusco cefalópodo senón tamén para charlar cos amigos e intercambiar experiencias, algo do que é testemuña estes días a pulpeira Aurora Baranda (O Carballiño, 1945).

-¿Como marchan as festas en canto a asistencia de xente nas casetas?

-Está a haber moita xente e de seguro que o día do Pilar haberá moita máis. O curioso é que non podes facer cálculos de asistencia porque hai días que agardas que veña moita xente e non é o caso e outros pensas que non haberá ninguén e ocorre á inversa. A xente non nota a crise porque ademais o polbo ten un prezo moi módico, a ración só custa 6,80 euros.

-¿Caras coñecidas?

-Estivo por aquí José Blanco e tamén un dos integrantes da parella humorística Cruz y Raya, Juan Muñoz, o rapaz de cabelo loiro. Quedou encantado e nós con el porque é moi agradable, incluso despois de comer felicitoume polo bo que estaba o polbo. Gústame este tipo de xente, que aínda que sexa famosa non anda con remilgos e é boa de acomodar.

-¿Canto tempo leva cocer o polbo?

-Nos nosos caldeiros de cobre moi pouco tempo, e nuha pota normal se é un polbo grande uns 35 minutos en total. Por certo, non é necesario poñer corchos na olla.