A preocupación pola terra como símbolo de Galicia pero tamén como algo máis telúrico provocou a curiosidade e o afán pedagóxico de Xosé María Álvarez Blázquez, un «buscador de tesouros» en palabras do seu propio fillo, Xosé María Álvarez Cáccamo, quen finalmente si puido ofrecer unha conferencia que xa tiña previsto dar en Lugo hai uns meses.
Reposto da convalecencia tras unha peritonite, o escritor e profesor de Literatura cumpriu o compromiso adquirido co Valle Inclán para falar en Sargadelos da vida e obra do seu pai, homenaxeado co Día das Letras Galegas. «O instrumento que utilizou meu pai foron os libros», aseverou Cáccamo recordando a motivación e repasando as facetas de Álvarez Blázquez: libreiro de compraventa de libro vello, escritor, poeta, editor, distribuidor, pois dixo que tiña que levar el mesmo os paquetes ao Castromil, etnógrafo e arqueólogo; unha paixón, esta, que en 1953 agasallouno co descubrimento dun conxunto de laudas funerarias romanas que poden verse hoxe no Museo de Castrelos.
Obra diversa
Unha obra tan diversa ¿non supoxo unha eiva?, preguntoulle Cáccamo nunha entrevista ao cofundador da editorial Monterrey e fundador de Edicións Castrelos, cuxos fondos pasaron despois a Galaxia. A afirmación de Blázquez xustificouna nunha imperiosa necesidade por saber máis sobre a orixe de todas as cousas. «Meu pai interesouse pola cultura popular e foi sempre á procura dos sinais de identidade de Galicia», subliñou o crítico literario e autor de Tempo do pai , unha evocación da vida do erudito e intelectual que naceu en Tui no ano 1915 e falecía en Vigo en 1985.
Durante toda a conferencia -conducida de xeito ben ameno polo xornalista Paco Arrizado- estivo presente a importante labor poética de Álvarez Blázquez, admirador da lírica galego-portuguesa medieval e autor dunha obra que Darío Xohán Cabana considera aínda non superada: Escolma de Poesía Galega , editada en dous tomos. Asemade, escribiu libros tan valiosos como Poemas de ti e de min (xunto co seu irmán Emilio, 1949), Roseira do teu mencer (1950) e de xeito significado Canle segredo , publicado con 20 anos de atraso pero que malia todo influíu no estilo do seu amigo Celso Emilio Ferreiro. «Non na liña do prosaísmo crítico, senón na máis tradicional», matizou o fillo e profesor de secundaria, explicando a temática deses versos onde se evoca a infancia e o poeta refuxia no amor. Blázquez foi autor e quen de publicar Cancioneiro de Monfero o día dos Santos Inocentes. Estas cantigas formaron parte dun engano que consistía en facelas pasar por auténticas e abofé que o conseguiron, segundo contou con certa ironía Xosé María Á. Cáccamo.
«Meu pai foi máis que galeguista», precisou Pepe Cáccamo, ao facer un repaso de toda a obra daquel militante do Partido Galeguista, que foi «depurado» e desterrado a Coreses, na estepa zamorana, un ano máis tarde de tomar posesión. Corría o ano 1936. Álvarez Blázquez foi finalista do primeiro Premio Nadal, en 1945, e ingresou na Real Academia Galega en 1949.