Dar unha visión da arte galega, dende o Paleolítico ata os tempos actuais, poñendo especial énfase nas manifestacións artísticas existentes en Lugo e, concretamente, no Museo Provincial de Lugo. Esta é, en palabras da súa directora, Aurelia Balseiro, a finalidade do sétimo curso de arte galega, que terá lugar entre os días 20 e 24 de abril e que onte foi presentado, ademais de pola directora do museo, polo técnico de difusión destas instalacións, Fernando Arribas Arias, quen coordinou o proxecto xunto coa profesora da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, Ana Goy Diz.
Baixo o título «O Barroco en Galicia: a súa relevancia na provincia de Lugo. A forza das imaxes», nesta edición do curso desenvolverase a segunda parte dun taller dedicado ao barroco, «un estilo artístico cunha grande incidencia en toda a nosa xeografía», segundo Aurelia Balseiro.
Inscrición gratuíta
Este curso, único en Galicia en opinión de Fernando Arribas, celebrarase nas dependencias do Museo Provincial. A inscrición é totalmente gratuíta e, ademais, está solicitado que sexa validado por un crédito de libre configuración para os alumnos e alumnas de todas as titulacións das tres universidades galegas. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro día 17 e esta poderase realizar a través da páxina web do museo: www.museolugo.org. As prazas ofertadas son un total de 80, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Estudosos de gran traxectoria
Na presentación do curso, tanto a directora coma o técnico do Museo Provincial salientaron que nel van participar profesionais e estudosos cunha ampla traxectoria profesional neste eido como son o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago, José Manuel García Iglesias; a catedrática de Literatura Española da Universidade da Coruña, Sagrario López Poza; os profesores titulares de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Goy Diz, José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso Montero, Rosa Cacheda Barreiro e Enrique Fernández Castiñeiras; os historiadores Ana Diéguez Rodríguez e Leopoldo Fernández Gasalla; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez, e os doutores Rosa Vázquez Santos, Francisco Xabier Louzao Martínez, Yayoi Kawamura e Ramón Villares Paz.
En canto ás cuestións a abordar, versarán por exemplo sobre os retablos na comarca de Lemos e tamén en Lugo entre 1650 e 1730. Tamén se falará de cruceiros, da pratería na Mariña luguesa, da pintura nos mosteiros e da arte nos Camiños de Santiago na provincia lucense. Haberá ademais unha visita guiada polo Lugo Barroco, da man de Arribas.
A organización deste curso corre a cargo do departamento de Difusión do Museo Provincial, en colaboración coa Facultade de Humanidades do campus de Lugo.