O libro de José Fernández Neira describe o ataque a Monforte desde o punto de vista dun dos paisanos que combateron nas guerrillas galegas contra a invasión francesa. Os parágrafos que dedica a este episodio bélico comezan no momento en que os veciños se preparaban para enfrentarse aos atacantes, que intentaron primeiramente entrar na poboación pola Ponte Vella. A defensa concentrouse neste punto, pero a resistencia que opuxeron os monfortinos non puido impedir a invasión, xa que os franceses conseguiron vadear o río noutro lugar. Os sucesos son narrados desta maneira (respéctase a peculiar e arcaica ortografía empregada polo autor):
«Puxsemos ùn-as cubas, è outros atrancos no ponte da Vila, por donde eles segun asua ruta debian pasar (parecendonos que ò rio nono podian badear por ir grande) è subimos un cañon que tiñamos da catro á altura de S. Vicente, è nesta disposicion agardamolos con moita resolucion, mirando ó mesmo tempo como se iban coronando as alturas de paisanos, armados con gadañas, fouces, escopetas, machados è outras armas: ali como cousa das sete da mañan ben muy fresca á pirmeira abanzada Francesa, è desde que à tubemos à tiro, ceibamoslle un, que non deixsou de barrer algus Franceses: è les que biron à resistencia, è que abia artillería, mandan recado atras, è beñen sobre Monforte mais de tres mil enemigos, descargamos outro cañonazo, è bimosche caer ò Comandante dun batallon; desde que obserbamos tanto Frances, è nos eramos poucos, empezamos tiro bai, tíro ben, mentras cus cantos paisanos estaban con fusis facendo fogo na ponte para impidirlles ò paso, è desde quelles encaixsamos trinta è nobe cañonazos, que non abia mais prevenzon, tratamos de escaparnos polo outro lado ¿pero pilleiche un medo garrafal? porque os grandes diabros nomentras que nos estuberon entretenendo polo lado da ponte, vadearon ò rio, è cercaronos dentro da Vila».
«¡Pero que desconsolo!»
Un pouco máis adiante, cando as tropas francesas xa conseguiron entrar en Monforte, o narrador describe en poucas liñas os efectos do ataque na poboación: «¡Pero que desconsolo! ber tanto ome, muller è nenos mortos, porque como selles fixso resistencia, è biron tanto diluvio de Paisanos os Franceses, á todos mataban, è ibanchese os castañales, è como estaba ali agachadiña á xsente, facian ùn-a carnicería tremenda, basteche ò decer que en vinte è catro oras que estiveron na Vila, mataron nela, è nos seus contornos mais de mil personas, è puxseron fogo amoitos lugares, lebando os bois è bestas cargados con todo canto acharon (...) quedei mais asombrado ò ver entrar ùs acabando de morrer, outros sin pernas è brazos, è outros chorando po los pais, hermanos, &c».