Enredos populares en Xotramu

María Caravel redac.lugo@lavoz.es

LUGO

26 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A chave, a billarda, os peóns ou o ferrón son algúns dos entretementos de orixe galega que se presentarán na primeira Festa de Xogos Tradicionais Xotramu. O encontro, que organiza a Asociación Aquilino Iglesia Alvariño e que se celebrará en Muimenta (Cospeito) o vindeiro 31 de maio, foi presentado onte na sede da Deputación de Lugo. No acto interviñeron, ademais do vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao , o coordinador do certame, José Lombardero , e dous dos colaboradores da organización, Carlos Montero e José Darriba . Lombardero comentou que os asistentes á xornada lúdica poderán «ver, tocar e seren partícipes» dos 60 xogos tradicionais que terán ao seu dispor. Un legado cultural fondamente galego. Pola súa banda, Bao destacou o interese dunha festa que tenta «achegar este legado cultural, fondamente galego, e moitas veces descoñecido polas novas xeracións». Na súa opinión, «manter vivos» os pasatempos dos maiores é «recuperar parte da nosa historia e tamén da nosa infancia a través duns xogos elaborados de xeito artesanal». A continuación, subliñou algúns exemplos lo rico patrimonio cultural inmaterial existente nas comarcas lucense. Foi o caso das festas do Oso de Salcedo, na Pobra de Brollón, do Entroido Ribeirao ou das Fachas de Taboada.