Volve o teatro a Palas de Rei

C. López

LUGO

Unha ducia de compañías actuarán dende o día 20 e ata o 6 de setembro na décima Mostra de teatro amador

14 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Na súa décima edición, a Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei. Teatro no Camiño de Santiago contará cun total de once compañías que porán en escena outras tantas funcións entre o día 20 deste mes e o 6 de setembro. As representacións terán lugar de xoves a domingo a partires das nove da noite na Casa da Cultura de Palas.

Entre os grupos participantes figuran oito galegos, entre eles dous locais; dous nacionais e unha compañía de Moscú, que lle dará o carácter internacional a este festival, que onte foi presentado por tres membros da organización e polo tenente de alcalde de Palas, Pablo Taboada, quen salientou que «este certame xa é todo un referente dentro do panorama teatral afeccionado galego e nacional».

Curso de formación teatral

Nesta edición da mostra inclúese por primeira vez un curso de formación teatral. Leva por título «O corpo creativo» e será impartido polo profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Ricardo Solveira. Celebrarase do 24 ao 27, das nove da mañá ás dúas da tarde. Ao remate do curso os participantes realizarán unha representación para amosar o aprendido. As prazas para esta actividade están limitadas a vinte e a matrícula custa trinta euros. A inscrición pode facerse no teléfono 670 523 688.

Premios Mácara e Careón

Onte tamén se deu a coñecer o fallo dos premios Mácara de teatro e Careón de literatura. O primeiro deles recaeu na súa sétima edición en Ángeles Cuña Bóveda, directora de Sarabela Teatro; mentres que o segundo, que se concede por terceira vez, foi a parar á escritora Teresa Moure. Ambos galardóns entregaranse durante a celebración da mostra teatral, que organizan Metátese Teatro e a Orde de donas e cabaleiros do priorato de Vilar de Donas.