Unidade de acción

Carlos Ferreiro

LUGO

11 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O

corpo de Aminatu Haidar apágase na sala dun aeroporto ante as impasibles luces do Nadal que cobren xa boa parte de España, tamén na nosa cidade. Todo sinala este momento como o das solucións e a unidade de acción, pero algún voitre ventea carroña e xa afía as súas garras -o de sempre-.

O reino alauí non defrauda, e na súa liña de respecto polos dereitos humanos exprésase e actúa como o fai fronte ao pobo saharauí, fronte á República Árabe Saharauí Democrática. Un país, o Reino de Marrocos, onde se xulga aos defensores dos dereitos humanos. Un país con cárceres onde se tortura e son normais as violacións, os abusos e ata as desaparicións de presos.

E non o di este que escribe, senón que o denuncian numerosas oenegés internacionais e mesmo a ONU, que agora lle reclama a Marrocos que permita a Haidar volver a El Aaiún. Todo isto porque agora parece que nesta película de bos e malos o PP se equivoca no cásting -outra vez-.

E mentres aquí, a case dous mil quilómetros dos campamentos de refuxiados da hammada alxeriana de Tinduf, empézase a falar de presupostos municipais. Dende o Concello téndese a man ao diálogo con «propostas serias» para mellorar o documento -que seguro que as haberá-, pero algún tremendista practicante, sen propoñer nada, xa se apunta ao batallón dos agoireiros.

E é nese lascivo pesimismo do todo vai mal onde máis lle gusta bailar ao anunciado candidato. Candidato agora, porque durante doce anos non serviu para ser o primeiro prato do menú, agora si. Sen dúbida, esta será unha boa ocasión para demostrar se hai capacidade de diálogo ou a intolerancia será o sinal de identidade.