Estimado Conselleiro:
A Deputación de Lugo puxo en marcha un amplo dispositivo o pasado xoves, en menos de dez horas dende o inicio do temporal, para comezar a recuperación das zonas da Mariña afectadas polos asolagamentos. Este operativo, cifrado en 1,2 millóns de euros a cargo das arcas provinciais, leva xa días traballando in situ nesta zona da provincia.
Aproveitando as sinerxias impulsadas pola Deputación dende primeiras horas e en aras de conseguir a colaboración entre administracións nun menor prazo de tempo -unha cuestión vital neste momento porque A Mariña abre a tempada de verán-, a resposta ten que ser eficaz, polo que cada administración debe acelerar as obras de recuperación no seu ámbito competencial, xa que neste caso está perfectamente delimitado.
Tal e como se anunciou o pasado luns, a Deputación está a actuar no só na recuperación da rede viaria provincial, senón tamén nas estradas de titularidade municipal. Isto responde a unha clara liña de cooperación cos Concellos e sempre baixo as indicacións dos alcaldes, seguindo criterios de urxencia e de eficiencia.
Por este motivo, infórmoche que o vindeiro luns temos fixada unha reunión cos concellos afectados pola borrasca Doris co fin de supervisar a seguinte fase do traballo. Neste senso e para optimizar os prazos de tempo nun momento coma este, comprométome a seguir manténdote informado de todas as actuacións que a Deputación leve a cabo, ao igual que llas trasladarei á Delegación do Goberno en Galicia. Por todo o explicado, coincidirás comigo en que é o momento de ser operativos e non demorar nin un minuto a recuperación da Mariña.
Unha aperta. 17 de xuño do 2010