Os impulsores da feira de Muimenta lembran os inicios e os logros dunha cita que foi consolidando outras feiras para a vila
06 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Hai 25 anos, o 6 de xullo de 1.985 os veciños da parroquia de Muimenta estaban preparados para gozar dunhas novas Festas do San Cristobo e da Santa Mariña, que sempre se celebran o primeiro fin de semana, coma sempre, festa, troula, orquestras e os pequenos da primeira comunión (Ana, Alicia, Sonia, Rocío, Víctor, Ramón, Oliver e José). Pero nese ano había unha novidade, comezaba a andar no parque infantil ubicado ao lado do campo da festa unha exposición de artesanía organizada por un grupo de veciños encabezados por Vila e, ubicados en casetas feitas de xestas, comezaba a andar a Moexmu, a Mostra Exposición de Muimenta.
Hoxe, 6 de xullo do 2010, hai pouco máis de corenta e oito horas que acaba de rematar unha nova edición das festas patronais. Paradoxas da vida, un deses nenos, Víctor, foi un dos ramistas. As xestas convertéronse nun recinto feiral, que leva o nome dese veciño que encabezou as primeiras edicións da Mostra Exposición de Muimenta, Manuel Vila. E seguindo con paradoxas, outro deses nenos, José, xerente da Moexmu dende 1998, acaba de comezar, xunto á comisión presidida por Daniel Pollán, as primeiras reunións preparatorias para o que vai ser a 27 edición da Moexmu, que se celebrará os vindeiros 1, 2 e 3 de abril do 2011.
A Moexmu cambiou moito ao longo destes anos, pero soubo manter a súa esencia. Pasou de ser unha feira de artesanía a ampliarse con maquinaria agrícola, automóbiles, produtos de calidade e co concurso, exposición e poxa de gando selecto máis importantes da comunidade autónoma. Cambiou de ubicación, deixando os terreos do parque infantil e do colexio, por uns terreos mercados cos cartos dunha masa forestal que lle correspondía aos veciños. Pero tamén coñeceu a novos irmáns que foron nacendo á súa sombra como a Feira do Coche Usado ou a da Caza, pero sobre todo a Festa da Filloa, hoxe recoñecida de Interese Turístico de Galicia.
Ao longo deste cuarto de século, a Moexmu soubo manter o espírito das feiras tradicionais que existiron e existen en Galicia, co seu carácter gandeiro e agrícola potenciando o Concurso de Gando Frisón que se celebra conxuntamente e que se converteu nun referente do sector en España.
Pero ao longo destes anos, tamén viviu en primeira persoa os cambios que se foron sucedendo na sociedade: entrou en Europa, profesionalizouse, viviu o cambio da peseta polo euro, coñeceu boas épocas pero tamén as complicadas, e sempre intentando adaptarse ás necesidades de cada momento, o que lle permitiu ser, vinte e cinco anos máis tarde e coas ganas de traballar de todos os veciños, todo un referente.
Dende que o por aquel entón gobernador civil de Lugo soltara unha pomba a última hora da mañá do sábado 6 de xullo de 1985, co que quedaba formalmente inaugurada aquela primeira edición, a Moexmu coñeceu un presidente da Xunta, conselleiros, presidentes da Deputación, delegados, subdelegados, xornalistas, persoeiros do mundo da Cultura, etc. Pero sobre todo coñeceu a xente anónima que ano tras ano, edición tras edición, acoden a Muimenta co seu gando, coa súa artesanía, cos seus produtos da terra, coa súa maquinaria, cos seus coches ou coas súas motos, de visita á feira ou para visitar aos seus amigos e coñecidos.
Tamén a organización da Moexmu viviu cambios. Comezouse a organizar por un grupo de veciños entorno á Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, pasando no ano 1988 a organizarse polos empresarios do pobo a través de cinco comisións rotatorias, sistema que se mantén no día de hoxe e baixo o nome da Asociación de Empresarios de Muimenta. Un total de setenta e dous empresarios de Muimenta organizárona nalgunha edición, pero tamén cómpre salientar, en primeiro lugar, o respaldo dos conveciños, seguindo polo das administracións públicas, que se foi acadando e sumando ao longo destes anos, tanto Concello de Cospeito, da Fundación Comarcal, da Deputación, da Xunta e da Universidade de Santiago, coa que se acaba de asinar un convenio de colaboración. Tamén hai que salientar o apoio das empresas privadas que, edición tras edición, participan dun xeito ou outro coa súa organización.
Ao longo destes anos, a Moexmu viu como nacían máis feiras e festas, xa non só na vila senón en toda a comarca e provincia. Unhas lograron manterse e outras morreron. Ese é un dos motivos polo que un cuarto de século máis tarde a Moexmu acaba de iniciar unha nova época trala reunión que os empresarios, que edición tras edición a organizan, tiveron durante o pasado mes de xuño, baixo unha premisa de seguir innovando pero mantendo as súas esencias.
Resumindo, os asinantes destas liñas queren agradecer, no nome de todos e cada un dos veciños de Muimenta e en especial dos organizadores da Moexmu, a todas aquelas persoas que, ano tras ano, edición tras edición, contribuíron dunha maneira ou doutra a que se acaden as vodas de prata.
A todos, por pequena ou grande que fora a súa contribución, moitas grazas.