De loito rigoroso. Así se vestiron varias das persoas que participaron onte á tardiña no «enterro de CO2ches» que tivo lugar na Praza Maior de Lugo. Impulsou o funeral a Masa Crítica, o movemento «non organizado» que o último xoves de cada mes, desde hai preto de tres anos, celebra unha animada marcha cicloturista polo centro da cidade amurallada para defender o uso da bicicleta. En medio dun gran ambiente festivo, os participantes circularon por distintas rúas para reivindicar as dúas rodas e os pedais como medio de transporte habitual. Os beneficios para a saúde, ou a redución da contaminación atmosférica e acústica son só dúas das súas vantaxes. «A bici permíteche estar en contacto cos demais, no coche vas pechado, illado», engadiu tempo atrás Santiago Quiroga , un dos habituais da cita.
Pouco despois, a Praza Maior tamén foi escenario do tercei-??ro e último concerto de jazz organizado na rúa, ao aire libre, dentro da programación de Lugo10. Unha temperatura máis que agradable animaron a nova actuación da big banda Murajazz. Probas do interese que esperta este conxunto, integrado por 21 músicos que ensaian en Rábade, son os espazos creados polos seus seguidores en redes sociais, como Facebook, e mesmo os vídeos que colgan en Youtube. Maghúa e Festicultores, en San Marcos. A oferta de onte completouse nos xardíns da Deputación, co concerto que deron os cantareiros de Maghúa e Festicultores dentro do programa Cultura Aberta. Co son das pandeiretas e o bo humor, os primeiros amosaron no espazo verde do Pazo de San Marcos os froitos do seu traballo de recuperación e transmisión da tradición galega. A continuación, Festicultores volveu á cidade amurallada despois de máis dun ano de xira co espectáculo E.G.F.A., no que ademais de percorrer rúas e escenarios de Galicia acompañaron a Manu Chao e Radiobemba en Baiona (Francia).