A Consellería de Educación destina 400.000 euros a melloras en centros educativos de Meira e Terra Chá

La Voz LUGO/LA VOZ.

LUGO

18 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Educación vén de adxudicar as obras de mellora do instituto Basanta Silva de Vilalba por un importe de 147.353 euros. Este investimento elévase ata os 402.585,35 euros se se ten en conta a realización de obras de reforma e ampliación para mellorar as dotacións nos centros educativos de titularidade pública das comarcas de Meira e Terra Chá.

As actuacións subvencionadas pola Xunta de Galicia realízanse en varios colexios e institutos de cinco municipios da comarca chairega. Así, ademais de no citado instituto, o investimento do Goberno galego permitirá realizar obras de reforma, adaptación e mellora nos colexios Aquilino Iglesia Alvariño, de Abadín; Veleiro Docampo, de Castro de Rei; Lagostelle, de Guitiriz, e O Salvador e Bretoña, no concello da Pastoriza.

Por outra banda, a Consellería de Educación financiou nos últimos meses con 49.500 euros as reformas do IES Pedregal de Irimia, no municipio de Meira, e varias actuacións no CEIP de Riotorto, como o acondicionamento dos vestiarios, a reforma da instalación eléctrica e a reparación do comedor escolar, cuxo custo ascendeu a 65.155 euros.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, destacou «o esforzo económico do Goberno autonómico para mellorar as instalacións dos centros educativos de Lugo e ampliar as dotacións das que dispoñen os alumnos». Arias asegurou ademais que se seguirá traballando para que «a oferta educativa pública na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para dotar aos centros do equipamento necesario, optimizando os recursos públicos».

A delegada territorial insistiu en que, deste xeito, «a Xunta de Galicia confirma a súa aposta por unha educación de calidade e reforza o seu investimento na provincia de Lugo» para a adaptación e mellora dos centros educativos en equipamento, en normativa eléctrica, seguridade, accesibilidade e salubridade. Neste sentido, Raquel Arias asegurou que «con esta nova proba do compromiso da consellería co interior de Galicia, o obxectivo é que os colexios e institutos da provincia de Lugo teñan unhas instalacións de calidade».