«Unha mirada matemática» é o título da exposición que permanecerá aberta este mes e o vindeiro no parque eólico experimental de Sotavento. Nesta mostra, a profesora Nieves Díaz Fernández amósalles aos visitantes a través dunha serie de fotografías como se poden manifestar as formas xeométricas nos obxectos cotiáns, na arquitectura ou na natureza, dunha forma orixinal, diferente e amena.
Por medio das sesenta instantáneas que compoñen a exposición, o público poderá descubrir o que é capaz de ver un ollo guiado por unha mente instruída nas matemáticas. E non só iso, senón que a autora proponlles aos que visiten a mostra que lle poñan título ás fotos en función da relación coas matemáticas que vexan en cada unha delas, e que despois comparen as súas ideas coas da propia autora.
A visita a esta exposición instalada en Sotavento pode concertarse nos teléfonos 981 563 777 (días laborais) e 981 441 020 (festivos).