Colocoulla o alcalde monterrosino na ofrenda do Día das Letras Galegas
18 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O busto do poeta monterrosino Lorenzo Varela luciu onte unha bufanda coas cores da bandeira republicana que lle colocou o alcalde, Antonio Gato, na ofrenda floral con motivo do Día das Letras Galegas. Os actos festivos sucedéronse durante toda a xornada, organizados polo propio Concello, pola Asociación Cultural Falcatrueiros e pola Coral Polifónica Ecos do Ulla.
O día festivo comezou coa ofrenda e homenaxe ao poeta local e ao intelectual e home de empresa Valentín Paz Andrade, ao que lle foi dedicado este ano o Día das Letras Galegas. Ao redor da unha da tarde, a comitiva saíu da casa consistorial en dirección a Praza González Laxe, no recinto do antigo campo da feira. Alí, o mandatario municipal depositou un ramo de flores cunha cinta coas cores da bandeira de Galicia. Tamén lle colocou a a bufanda coa bandeira republicana.
Ante o público asistente, preto de cen persoas, o mandatario municipal dixo que a Lourenzo Varela houbéralle gustado moito a colocación da bandeira republicana, por ter sido un dos máis importantes representantes da República no exilio. Lembrou que ao poeta e intelectual máis destacado de Monterroso a Real Academia Galega dedicoulle a xornada das Letras Galegas do ano 2005.
Gato tamén fixo un breve repaso pola vida e obra do intelectual Paz Andrade. Referiuse ao seu galeguismo e activismo político, que o levou ao cárcere na ditadura do xeneral Primo de Rivera. Tamén falou da súa obra literaria e da actividade empresarial, con estudos relativos á pesca e coa súa participación na fundación da empresa Pescanova.
Pintura e música coral
Á media tarde tivo lugar na cúpula do campo da feira unha nova edición do concurso de pintura no chan, no que participaron numerosos xóvenes. Estivo organizado por Falcatrueiros, cuio grupo de gaitas deu un un concerto. Xa a última hora, na igrexa celebrouse o certame de corais de Ecos do Ulla.