1Pardiñas volveu ser un ano máis o paraíso chairego das artes e o punto de encontro de milleiros de persoas que gustan da música folk e da artesanía en todas as súas variantes. E a pesares de que o tempo non axudou de todo, a edición 33 deste festival non defraudou aos centos de asistentes, que na xornada dominical se deixaron seducir polas demostracións, as interpretacións e as pezas elaboradas polos artesáns, e pola música de raíz galega de grupos como Zurrumalla ou Chotokoeu, e de aires nórdicos dos polacos Beltaine. E despois de pregoar esta edición do Festival de Pardiñas, o escritor e divulgador da cultura galega en Cataluña Xosé Lois García terá máis argumentos para seguir «vendendo» Galicia en terras catalás.
Máis que folk no Corgo
2Aínda que o festival que se celebra na área recreativa do río Chamoso empezou sendo unha cita de exaltación do folk galego, co tempo foi incorporando outros ingredientes, como a feira de artesanía e a malla popular, que na actualidade son case tan importantes ou máis que a música, como quedou patente na xornada de onte, na que os veciños e foráneos que participaron na malla agradeceron que as temperaturas non fosen moi altas. E como a paraxe se prestaba, despois do traballo tocou disfrutar da comida ao aire libre e descansar antes das actuacións dos grupos Arrincadeira, Amigos da Pandeireta, Remesmus, O Feitizo e Legua Dereita.
Pena de Rodas en festa
3Nunha fin de semana chea de festas por toda a provincia, a música tradicional galega tamén fixo parada onte en Outeiro de Rei, en concreto na área recreativa de Penas de Rodas, na que foron moitos os que acudiron á romaxe organizada pola asociación cultural do mesmo nome, e na que actuaron os grupos de teatro e gaita deste colectivo, ademais de Airiños de Orbazai e o dúo De verano. Non faltaron os xogos populares, as comidas campestres e a queimada, nunha edición que pregoou Alfredo Sánchez Carro.
Blues no campo de golf
4Como manda o verán, esta foi unha fin de semana musical, e non só se deixaron sentir os ritmos folkies. En Monforte houbo noite de blues Blues, bossanova e máis cousas co grupo local Lapanaback. Tocaron no club de golf de Ribas Altas o sábado pola noite. Ía ser ao aire libre, pero o tempo no sur da provincia veu revirado e finalmente tiveron que tocar dentro da cafetería. En aproximadamente unha hora e media versionearon temas de Leonard Cohen, Amy Winehouse ou Tom Waits, e tamén tiveron tempo de tocar algunhas cancións propias.
Banda a cuberto
5Praticamente á mesma hora que Lapanaback empezaba a tocar no campo de golf, a banda de música de Antas de Ulla iniciaba o outro concerto da noite en Monforte. Esta veterana agrupación, unha das bandas de música máis antigas de Galicia, ía actuar na praza de España. A choiva tamén os obrigou a eles a porse a cuberto, así que finalmente deron o concierto no salón de actos da Casa da Cultura.