O filme proxectouse esta tarde no salón de actos da Deputación
16 nov 2012 . Actualizado a las 23:31 h.O salón de actos de San Marcos quedou pequeno para acoller ao público que quixo ver en primicia a mediametraxe Pecados, unha produción lucense de Coolfilms, rodada en Vilalba e A Coruña, e que conta coa participación do actor Luis Iglesia. O filme parte dunha sanguenta historia real para artellar unha historia de suspense, dirixido por Luis Noriega e que contou cun equipo de profesionais do medio, tanto diante coma detrás das cámaras.
Na estrea, o presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que esta película é un reflexo «do bo cine que se está facendo en Lugo. Debemos estar orgullosos das producións de imaxe e son que se fan na provincia». Con esta convicción, o organismo provincial vén apostando pola Escola de Imaxe e Son, «un centro de ensino público e coa matrícula gratuíta, excepto para os que repitan», indicou Besteiro.
Pola súa banda, Jordi Santos, presidente de Coolfilms, agradeceu á Deputación que lle cedese para a estrea o salón de actos, que «cada vez se está quedando más pequeño para acoger este tipo de eventos. Ya no hay excusa para no tener un nuevo auditorio en Lugo porque seguro que lo íbamos a llenar».
No acto estiveron os actores do reparto, entre eles, Luis Iglesia. Natural de Riotorto, o actor conta cunha ampla traxectoria en cine, teatro e televisión, medio no que está a triunfar actualmente co seu papel de protagonista da ficción da TVG Matalobos, producida por Voz Audiovisual, ao igual que Saamira Gannay. Tamén estiveron presentes Sergio Quintana, Paku Granxa, Chus Álvarez ou a presentadora Marta Doviro, que debutada deste xeito no mundo da interpretación.
Tras as intervencións iniciais, chegou o momento da proxección da mediametraxe, de 30 minutos de duración. O argumento parte da historia real dun matrimonio australiano, autores de varios crimes, dos que a muller logrou quedar impune. A historia de Pecados comeza nese momento, cando tres personaxes (unha xornalista, unha psicóloga e un policía) buscan xustiza pola súa conta.
Esta mesma tarde Pecados proxéctase nas pantallas de cine monfortinas, no transcurso da XII Mostra de Cine de Monforte de Lemos, que deu comezo o luns. Este non é o único festival de cine no que esta produción lucense está seleccionada para competir polos galardóns. De feito, mañá será a primeira vez que se proxecte fóra de Galicia, durante a 50 Semana Internacional de Cine de Gijón, para a que foi seleccionada en competición oficial.
O acto tamén contou coa participación de alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Deputación de Lugo, o único centro da provincia que imparte estudos superiores no eido do audiovisual con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores. Algúns deles xa formaron parte do cadro de técnicos de realización e produción do filme. A máxima prioridade da TIC é que os seus alumnos teñan a posibilidade de facer prácticas reais con profesionais do sector audiovisual, co fin de acadar unha experiencia o máis ampla posible mentres completan a súa formación para facilitar a súa inserción no mundo laboral.