Breves apuntes históricos das salas de cine en Lugo

Fernando Arribas MEMORIA HISTÓRICA

LUGO

Foto do Gran Teatro en 1990
Foto do Gran Teatro en 1990 X. MARRA

Artículo publicado polo historiador lucense Fernando Arribas en La Voz de Galicia o 13 de maio do 2013

14 jun 2021 . Actualizado a las 16:37 h.

O 7 de xullo de 1897 celébrase a primeira proxección en Lugo. Houbo dúas sesións (ás nove e ás dez da noite) con idéntico programa. Non existían cines, polo que foi a través da man de exibidores portugueses que permaneceron en Lugo cinco días e alugan un local: o Teatro-Circo. A crónica do xornal El Eco de Galicia destacaba que o espectáculo gustara moito «y esta es la mejor recomendación para que nadie en Lugo deje de admirar invento tan maravilloso». En pouco tempo, o cine popularízase, de tal xeito que ao ano seguinte aparece convertido unha atracción de feira co gallo do San Froilán de 1898, instalándose na Praza Maior un barracón para proxeccións que consegue un gran éxito de público. Os exhibidores ambulantes trouxeron a Lugo as novidades técnicas que se producían no cine, como a proxección de películas en cores en 1900. Ou en 1907, cando se presenta no Teatro-Circo o Gran Cinematógrafo Parlante. O Lugo Salón tivo a honra de ser o primeiro cine da cidade. Estaba no recanto da Rúa Bispo Aguirre con Ronda da Muralla. Foi inaugurado en xuño de 1911. O prezos das entradas ían, en función das butacas, das 0,40 ás 0,15 pesetas. En 1918 pecha, quizais pola competencia que lle fai desde o ano anterior o Teatro-Circo, que dous anos despois sería o Teatro Principal. Esta nova etapa dura ata 1932, no que pecha definitivamente, para ser derrubado e dar paso ao Gran Teatro. En 1919 o Círculo das Artes reinicia as exhibicións, que seguirán ata o 28 de xuño de 1942. Esta sala presentou en 1929 o cine sonoro. Coa chegada do sonoro ven a época dourada do cine, coa construción de grandes edificios específicos para acoller centos de espectadores, como o Cine España (de 1936, obra de Maquieira), Central Cinema (1941), Cine Kursal (1947), Cine Victoria (1947) e Gran Teatro, deseñado por Alfredo Vila e que comeza a funcionar o 17 de maio de 1940. Anos despois virían épocas de consolidación, de crise e de recuperación. O Cine Paz abre en 1957. Logo veñen anos da entrada da televisión e da implantación do coche, que ademais doutros factores, inciden no peche das míticas salas. Superada a crise, á que non foi allea a desaparición da censura, veñen bos anos, coa apertura do Cine Ronda (1981), de novo o Victoria (1984) e do Mini-Cine Sala X (Semana Santa de 1986), que logo será Cine Bogart. Logo abriría o Castelao. Todos se caracterizaban por estar situados en baixos de edificios de vivendas e por ter un aforo reducido, precedente dos multicines, como os Dumas (1989), os Yelmo (1997) e Os Cristal (1997). Este sistema representaba un baixo custo para o empresario, xa que necesitaba de menos persoal que nos cines tradicionais, e permitía unha maior oferta cinematográfica en teoría, pois na práctica todos acababan proxectando as mesmas películas, o que explica en parte o seu fracaso. A apertura destas novas salas nestes anos constata coa desaparición dos cines emblemáticos: Gran Teatro (20 de marzo de 1994), Paz e Kursal, vítimas, entre outras causas, da especulación inmobiliaria. Tras pechar os Cristal, abren oito salas dos Cines As Termas no 2005. A dura competencia provoca o peche dos Yelmo no 2007. O local volveu a abrir catro meses despois como Multicines Centro e agora pecha definitivamente. A novidade destas salas, á que logo se sumaría As Termas, foi a presentación do sistema 3D. Hai anunciadas novas salas no futuro centro comercial de Abella, pero tampouco está seguro que finalmente saian para adiante. Pero si podemos insistir na creación dun Museo do Cine en Lugo, no que se recolla toda a historia da sétima arte na nosa cidade.