Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Lorenzo Silva abrirá as Catas Literarias do MIHL

La Voz

LUGO

Santi M. Amil

O escritor ofrecerá unha charla e asinará libros o 3 de abril

21 mar 2014 . Actualizado a las 19:52 h.

O escritor Lorenzo Silva, Premio Planeta 2012 coa súa novela «La marca del meridiano», será o encargado de abrir unha nova iniciativa literataria e artística que arrincará o xoves 3 de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MILHL). A edila de Cultura, Carmen Basadre, presentou esta nova iniciativa na que se mesturan boa literatura, gastronomía lucense e música e que leva por título Catas Literarias do MIHL. Esta nova actividade terá lugar sistematicamente o primeiro xoves de cada mes, agás que cadre festivo que entón trasladarase ao segundo xoves, durante todos os meses do ano, excepto agosto.

Carmen Basadre tamén explicou que os escritores invitados non só son de Galicia, senón tamén de España, Portugal ou doutros paises máis distantes. Así, a responsable da área de Cultura, anunciou que a primeira cata literaria terá lugar o xoves 3 de abril ás 20.00 horas no MIHL co recoñecido escritor Lorenzo Silva, que falará especialmente da súa novela «La marca del meridiano», asinará libros e responderá ás preguntas de todos os participantes.

Nestas catas, ademais de literatura, tamén haberá comida elaborada polos alumnos do Ciclo Superior de Cociña e Restauración do IES San Xillao, que farán un menú especial composto por torrada de escalibada con escuma de pementos, tataki de tenreira galega, tartaleta de salpicon de langostino e mango, empanada de millo e xoubas, croquetas de bacallao ao recendo de laranxa e briks de queixo de Arzúa con redución de mencía, todo acompañado dun viño galego Regina Viarum. Tamén, durante o evento, un grupo de música de Lugo acompañará aos asistentes, nesta primeira xornada será o grupo Xass Project.

Librerías lucenses

Basadre tamén explicou que o papel das librerías é o de por á disposición dos asistentes no MIHL a bibliografía do escritor protagonista para que os asistentes podan mercalos e asinalos polo autor. Para poder asistir haberá que adquirir unha entrada cun prezo de 10 euros, «unha cantidade moi económica se temos en conta que ademais do escritor tamén poderán beber e comer» e sinalou que «servirá para pagar os produtos que precisan os estudantes de cociña para elaborar o menú».

Na presentación tamén estiveron representantes do Departamento de Hostelería do IES San Xillao, e un representante das librarias que colaboran, Librería Aguirre, Librería Balmes, Librería Biblos, El Faro de los tres mundos, La Voz de la Verdad, Librería Souto, e Librería Trama.

As entradas poderán mercarsae na Biblioteca Municipal da Milagrosa (luns a venres, de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:00), no Centro de Interpretación da Muralla, (luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), (luns a sábado, de 16:30 a 19:00), nas propias librerias participantes e dende o luns 24 na web entradas.lugo.es. Para unha maior información tamén se poderán consultar as actividades na web www.mihlcatasliterarias.com