![](https://img.lavdg.com/sc/HTHhjk6Fjs1UGxwkj_p6LsisFRs=/480x/2014/11/01/00121414875061655797302/Foto/S27L2042.jpg)
Este especialista cre que a materia que segue pendente é o paseo interior
02 nov 2014 . Actualizado a las 05:02 h.Ángel Sicart viviu en primeira persoa as negociacións que no outono de 1994 mantiveron a Xunta e o Goberno central para que a Muralla de Lugo fose transferida polo Estado a Galicia, coa fin de que se puidera conservar mellor desde a nosa terra.
Foi director xeral de Patrimonio durante 12 anos, os máis importantes da recente historia do monumento romano lucense, xa que lle tocou vivir a transferencia, a aplicación do Plan Director, a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco e a consolidación anual nos orzamentos da Xunta das partidas para a súa conservación. Lembra que ao principio houbo partidas do Estado para a súa conservación pero que logo foi a Xunta a que foi asumindo os gastos. E lamenta o actos de vandalismo, como sufriron as luminarias que se inauguraron no outono do ano 2000.
-¿Que lembra daquel outono de 1994?
-Era un momento singular, diferente. A Muralla foi un monumento que condicionou o urbanismo da cidade, non se trataba dun edificio illado nun barrio ou nunha rúa, senón que estaba modificando a totalidade dunha cidadanía. Logo dos esforzos dos anos setenta coa limpeza das casas pegadas, a inicios dos noventa había zonas apuntaladas, con vigas de ferros como na Mosqueira, lenzos que caían... Por iso, vimos que era unha necesidade, entre todos, que se fixera algo para a súa conservación e levaba a que a Xunta se responsabilizase na súa intervención.
-¿Como foron as negociacións?
-Sempre hai uns máximos e uns mínimos e dada a singularidade do monumento era moi complicado intercambiala por cartos. Era un imposible cuantificar o custe. O que se fixo foi un acordo, pouco a pouco con colaboracións, convenios e o plan director. Visto agora co tempo foi todo un acerto que se fixera a transferencia e máis porque non se tardou nada, só seis anos, en conseguir que fose declarada Patrimonio da Humanidade.