A Deputación de Lugo aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) para o ano 2015, dotado de 11.326.265 de euros, destinados a emprego, infraestruturas e políticas sociais, «as tres prioridades de actuación que marcaron os máis de 55.000 veciños que tomaron parte na elaboración dos Orzamentos Participativos», sinalaron desde a Deputación.
O plan foi aprobado, cos votos a favor do PSdeG e o BNG, e a abstención do PP, no último pleno provincial do ano, co que entrará en vigor neste mes de xaneiro. A Deputación achegará 4 millóns para emprego a través do PES, ao que lle hai que engadir, entre outras, a partida de 6 millóns contemplada nos orzamentos para unha segunda edición do plan ¡Ben Empregado!
No Plan Estratéxico de Subvencións destínanse fondos para potenciar os principais sectores da provincia -gandería, agricultura, agroecoloxía, pesca e artesanía, así como o empresarial- que suman máis de 3,6 millóns. Dento desta partida, inclúense as axudas a confrarías de pesadores da provincia, plans e actividades de fomento do tecido empresarial, así como colaboracións con Acruga ou a Feira do Gando de Pedrafita, a Festa do Emigrante de Pol, a Feira de Artesanía, Mobles e Antigüidades de A Pontenova ou o Expogrelo de Abadín.
Por outra banda, dos 11 millóns de euros, tres son para infraestruturas. Para a creación de novas dotacións públicas municipais, como por exemplo instalacións deportivas, culturais, patrimoniais, ou novos equipamentos para a promoción turística, aforrando cartos aos concellos da provincia. Finalmente, para políticas sociais destínanse preto de 4 millóns.
Neste área, inclúense axudas a colectivos que participaron na elaboración do orzamento para o 2015, como por exemplo Alzhéimer Chantada, Aspnais, Raiolas ou Cogami A Mariña; servizos de dependencia, así como igualdade e inserción de sectores en risco de exclusión social.