¿Onde está o Cristo do Cebreiro?

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

A tradición di que a talla foi cambiada por unha copia e levada ao Museo Nacional de Escultura, onde nunca estivo. Piden que se aclare o paradoiro

09 ene 2015 . Actualizado a las 07:52 h.

A igrexa de Santa María a Real do Cebreiro é todo un fito no Camiño de Santiago, relacionada desde o seu inicio, no século IX, ao culto xacobeo. Ao longo dos séculos foi un templo no que se viviron moitas historias, «algunhas milagreiras», pero desde hai un tempo naceu un novo misterio ao seu redor. Presidindo o altar maior da igrexa hai un cristo crucificado en posición de falecido (non xacente, como noutra iconografía). A escultura que se pode ver hoxe no Cebreiro é copia dun orixinal gótico que a inicios dos anos sesenta do pasado século foi enviado -ao parecer por orde do responsable de entonces do patrimonio Manuel Chamoso Lamas- ao Museo Nacional de Escultura de Valladolid.

O historiador Felipe Senén no artigo publicado o pasado ano en Terra e Tempo e titulado Anacos de Galiza «perdidos» chama a atención de que hai anos se fixera unha copia e nunca se soubera máis da peza orixinal.

O historiador e membro do Colectivo de Acción Cultural Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, comezou a pescuda desta peza tan simbólica na ruta xacobea e o enigma segue latente. «Consultemos onde consultemos, sempre nos atopamos coas mesmas respostas. No citado Museo Nacional de Escultura de Valladolid, no Museo de Escultura de Arte Sacra de Madrid, ou no Museo de Escultura de Madrid. Estes últimos, ademais de infinidade de páxinas web e guías, tamén figuran nas páxinas do Concello de Pedrafita do Cebreiro e da Diocese de Lugo respectivamente. Mais existe un problema, se alguén quere ver o orixinal e dirixirse para elo aos dous últimos museos pódese atopar cunha sorpresa: que non existen, porque dos máis de 120 museos, públicos e privados, que hai en Madrid, non se coñece ningún que responda por eses nomes».

Para tentar de aclarar o misterio de onde se atopa o cristo, Moure púxose en contacto co Museo Nacional de Escultura de Valladolid, co fin de saber a data de entrada da talla lucense e o seu estado actual. Moure enviou dúas fotos da copia do Cristo do Cebreiro para que tiveran máis información, unha antiga e outra coa talla xa restaurada.

«Onte, José Ignacio Hernández, o conservador do Museo Nacional de Escultura, púxose en contacto con nós. En primeiro lugar para dicirnos que o Cristo crucificado non figura nos fondos do museo, aclarándonos, ademais, de que non teñen constancia nos seus arquivos de que a talla fose enviada para alí, ignorando, polo tanto, onde podería estar na actualidade», explica o historiador lucense.

Opinión desde Valladolid

Pero o que xa crea aínda máis sorpresa foron os comentarios do conservador valisoletano: «Cando viu a primeira foto do Cristo moderno (a de antes da restauración), atendendo ás características da imaxe (por exemplo, o tipo de pé alongado propio do gótico), cuestionou que se trate dunha copia, situando a realización da imaxe na segunda metade do século XIV. Mesmo nos asegurou que se en realidade se trata dunha copia, a simple vista resulta moi difícil, incluso para un ollo experto, asegurar que non é un orixinal». Segundo explica Moure, a opinión do especialista do Museo Nacional foi corroborada polos colegas cos que consultou. Respecto á restauración da talla «?moderna?, tamén nos dixo que non fora demasiado acertada, cualificándoa dunha ?restauración brusca? que lle mudara ostensiblemente a aparencia (referido ao policromado a que foi sometida)». Incluso, sinalou o conservador do museo nacional, que sendo a copia da talla de feitura tan recente (1974 ou 1975), e á vista da primeira foto, «estrañáballe moito que sufrira tal deterioro».

En definitiva, que, de momento, nada se sabe da talla gótica orixinal. «O único que sabemos é que non existe constancia documental de que fose mandada para o Museo Nacional de Escultura de Valladolid, ignorando tamén onde foi a parar, polo que esas informacións que circulan por aí de que está nos inexistentes Museo de Escultura de Arte Sacra de Madrid ou no Museo de Escultura de Madrid carecen de sentido. E por outra parte, á vista dos novos datos, queda a dúbida de que a imaxe que hai na igrexa do Cebreiro non sexa en realidade a orixinal».

O Grupo de Acción Cultural Patrimonio dos Ancares vaise dirixir ao Bispado de Lugo para que aclare as dúbidas ao respecto do paradoiro dunha imaxe emblemática. Tamén pide que se acometan os estudos para saber se o Cristo que se pode ver hoxe no altar do Cebreiro é o orixinal ou unha copia. «No caso de que se confirme que é unha reprodución, pedimos que se investigue onde pode estar o orixinal para que logo se realicen as xestións encamiñadas a devolvelo ao lugar do que nunca debeu saír», sinala Moure.